Endesa pon en marcha a transformación do antigo economato das Pontes nun centro de investigación

TerraChaXa
A actuación conta cun investimento de 1,5 millóns de euros e permitirá recuperar un edificio construído hai 67 anos
antigo-economato-endesa
6 Jan 2026

A compañía Endesa iniciou as obras para converter o histórico economato do Poboado das Veigas, nas Pontes, nun laboratorio técnico, un proxecto co que se pretende rehabilitar un inmoble emblemático e darlle un novo uso vinculado á actividade industrial e enerxética da empresa.

A actuación conta cun investimento de 1,5 millóns de euros e permitirá recuperar un edificio construído hai 67 anos, que formou parte esencial da vida social do poboado ao longo de décadas. O inmoble foi levantado entre 1945 e 1962 pola empresa Calvo Sotelo e mantivo a súa actividade como economato ata 1999, para posteriormente funcionar como supermercado ata 2023.

Segundo recolle o proxecto, o prazo estimado de execución sitúase no verán de 2026. Unha vez finalizadas as obras, Endesa trasladará a este espazo o seu centro tecnolóxico, que desde 2008 estaba localizado nas dependencias da central térmica, actualmente en proceso de desmantelamento.

A intervención busca conservar a volumetría orixinal do edificio e manter o acceso principal pola rúa Miño, aínda que se habilitarán novas entradas ás áreas de traballo e á planta superior. O futuro laboratorio contará cunha superficie total de 1.424 metros cadrados, repartidos entre a planta baixa e a superior.

No interior crearase unha distribución funcional adaptada ás novas necesidades. Haberá zonas pechadas destinadas á sala de balanzas e á sala de microscopía, así como áreas abertas concibidas como laboratorio de “oficio limpo”. Ademais, o edificio albergará espazos para a redacción de informes e unha sala de reunións. Na planta superior situaranse tamén almacéns de materiais, áreas de corte de metalografía, preparación de mostras e unha zona temporal de residuos, xunto co almacén de produtos químicos e a zona de combustión.

O futuro laboratorio central de Endesa dará soporte técnico ás distintas unidades de produción eléctrica do grupo, tanto convencionais como renovables, e contará cunha vintena de profesionais especializados. Nel desenvolveranse estudos e análises en ámbitos como a metalurxia, a lubricación, os procesos ambientais, a calidade da auga ou a seguridade, consolidando así un novo uso para un edificio histórico das Pontes.

⚙ Configurar cookies
0.081026077270508