As auxiliares de Endesa volven saír á rúa reclamando un futuro para o emprego

TerraChaXa
Traballadores das auxiliares de Endesa demandan á Xunta garantías de futuro para o emprego. Non foron recibidos por Presidencia.
manifestacion endesa xunta
18 Xuño 2021

Máis de 150 persoas, maioritariamente traballadores e traballadoras das auxiliares de Endesa, mais tamén persoal da empresa principal e veciños e veciñas das Pontes concentráronse onte diante do edificio administrativo de San Caetano para demandar da Xunta de Galiza garantías de futuro para o emprego e a comarca diante da crítica situación que afrontan.

Tras dous anos de mobilizacións, conseguiron un compromiso de garantía de emprego por parte de Endesa que dura até o 30 de xuño próximo. Porén, o recente cambio na tramitación administrativa da solicitude do peche da central prolongará os prazos cando menos até finais de ano, deixando na total incerteza a continuidade dos empregos.

Así o explica o representante da CIG-Industria, Alberte Amado, quen denuncia que Endesa ten manifestado que só vai manter o emprego preciso para ter dispoñibles dous grupos. Por iso hoxe demandaban que a Xunta de Galiza presione a Endesa para que esa garantía se alongue durante todo este proceso administrativo e que se concreten os proxectos de futuro e que sexan reais.

“Non podemos seguir dándolle voltas a un proxecto que anuncia a Xunta”, afirma Amado. “Se a día de hoxe entende que é viable que o poña enriba da mesa, que diga quen é o inversor que o vai levar, quen vai operar ese proxecto e que dea as garantías de que a curto prazo se executa. Senón, evidentemente non vale anunciar cousas sen que sexan reais e menos cando, polo medio, están comprometidos empregos”.

A decisión de peche de Endesa é consecuencia do chamado proceso de descarbonización. Inflúe ademais o prezo do CO2 que hoxe non é competitivo no pool enerxético. A maiores, o representante da CIG indica que non dar máis garantías de emprego vén derivada de que “a través das alegacións que fixo a Xunta de Galiza e tamén o concello de As Pontes, se prolonga o procedemento de peche, isto é, a decisión administrativa de peche”.

Neste contexto, os traballadores están no medio do cruce de reproches entre administracións, tanto Xunta, como Ministerio e Endesa e son quen perden neste xogo. Por iso Alberte Amado denuncia que a anunciada como unha transición xusta “non vai ser nada xusta”, porque os despedimentos son inminentes se non se articulan alternativas a curto prazo.  “Evidentemente aí hai unha responsabilidade política que terán que asumir”.

Por iso o representante da CIG denuncia a actitude da Xunta de Galiza porque “ao final non nos recibiu ninguén malia ter solicitada desde hai máis de 10 días unha reunión urxente con Presidencia”.

Amado considera que non se dignen a recibilos “unha falta de respecto aos traballadores” pero tamén “un desprezo ao pobo de As Pontes, máis nesta situación, cos despedimentos a curto prazo e sen garantías de nada”.

0.17687511444092