Enfado en Muras pola falta de médico, que se suma ao peche da oficina bancaria
Poucos días despois do anuncio de Abanca de pechar a oficina en Muras, os veciños reciben outra mala nova, que é a dificultade de cubrir as baixas do persoal médico o que está a provocar un novo malestar entres os residentes e usuarios.
O propio alcalde, Manuel Requeijo, fixo público un bando no que informa aos veciños que debido á dificultade do Sergas en cubrar as baixas por vacacións no centro de saúde "recoméndase a tódolos veciños que antes de acudir ao centro comproben mediantes chamada telefónica a dispoñibilidade do médico, a fin de evitar a perda de desprazamentos".
Ante esta situación, o alcalde fixo público o seu malestar coa Xunta de Galicia. "Ao final o que vemos é que se están retirando servizos dun concello rural como é Muras, todos eses eslóganes de que hai que volver ao rural só son palabras. Se non temos servizos no rural, o rural desaparece e faino ao non dispoñerse de servizos como estes, sen unha oficina bancaria (só queda un caixeiro) e sen médico no verán", explicou Requeijo.
O mandatario insistiu sobre o peche da oficina que "a antiga Caixa Galicia tívose que rescatar con diñeiro público e está a obter beneficios de centos de millóns de euros ao ano e non é de recibo que pechen oficinas. E, ademais, a entidade bancaria trasladounos a posibilidade de que falásemos coa Xunta para subvencionar a instalación da entidade bancaria e iso é surrealista, péchannos unha entidade e logo, encima, temos que pagar para volver abrila", apostilou.
Do centro de saúde, engadiu que "levan anos solicitando melloras no centro, que ten moita demanda porque a poboación do concello está moi envellecida".
"Por moitas medidas que tomemos no concello para facer atractivo o municipio hai competencias que non están nas nosas mans", queixouse o rexedor.