Entregado o gran premio do Comercio de 2.500 euros da campaña Volta ao Cole a un veciño de Rábade

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, entregaron este xoves pola tarde o gran premio de 2.500 euros no marco da campaña de bonos Volta ao Cole, unha iniciativa promovida pola Federación de Comercio e financiada con 50.000 euros pola Deputación, co obxectivo de apoiar a economía familiar e fortalecer o comercio de proximidade.
“Falamos dun sector que representa máis do 26% do tecido empresarial da provincia, con máis de 9.400 negocios, a maioría pequenos establecementos que dan traballo, servizo e identidade aos nosos concellos”, avanzou durante o acto José Tomé. Destacou ademais que a campaña rexistrou preto de 25.000 tíckets de compra entre o 1 de setembro e o 2 de outubro, o que supón un volume total de negocio de 800.000 euros, polo que segundo subliñou o mandatario provincial, “cada euro investido neste programa reverte en toda a provincia”.
O sorteo celebrouse en directo na Praza de San Marcos e congregou a decenas de persoas, a alcaldes e alcaldesas, e representantes de asociacións comercias de Concellos de toda a provincia. Tamén asistiron o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a Subdelegada do Goberno en Galicia, Olimpia Rodríguez, e a Directora Territorial de Abanca, Zaira Dapena.
O gañador do gran premio foi para José Ramón Vázquez Río, veciño do concello de Rábade, quen poderá gastar os 2.500 euros nunha única xornada de compras, realizando compras nun mínimo de 10 negocios distintos, cun gasto mínimo de 100 euros en cada un.
Durante o evento, as autoridades presentes fixeron entrega tamén de 22.500 euros, repartidos en 90 bonos de 250, aos agraciados que resultaron premiados no sorteo ante notario realizado na sede provincial a principios deste mes.
O presidente agradeceu aos participantes a súa implicación na iniciativa e felicitou aos premiados, animándoos “a seguir apostando polo comercio de proximidade, porque cando mercamos no barrio, facemos provincia, apoiamos o emprego, dinamizamos a economía e reforzamos o que somos”.
Pola súa banda, o presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, destacou que setembro é un dos meses máis gravosos para as economías familiares, debido a gastos en libros, material escolar, roupa, calzado e complementos. Neste contexto, subliñou que a campaña buscaba canalizar este consumo cara ao comercio local, promovendo así riqueza e vida económica na provincia. A participación, cun total de preto de 25.000 tíckets, amosa que parte do obxectivo foi acadada, xunto coa destacable repercusión económica mobilizando arredor de 800.000 euros en vendas. O importe total da campaña ascendeu a preto de 53.000.