Entregados en Meira os premios da campaña Merca no teu Comercio

O Paseo Central da Praza Maior de Meira acolleu a Entrega dos Premios correspondentes á campaña “Merca no teu comercio”, que se desenvolveu entre o 5 e o 20 de agosto neste municipio lucense.
Entre os consumidores que mercaron nos establecementos de Meira durante a iniciativa, sorteáronse un total de 1.000 euros, repartidos en 20 tarxetas prepago de 50 euros. Os gañadores recibiron esta mañá o seu premio, que deberán empregar en novas compras no comercio de proximidade local.
“Merca no teu comercio ten premio” é unha campaña de promoción e dinamización das vendas do comercio de proximidade dos municipios rurais organizada pola Federación de Comercio de Lugo, a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, coa colaboración neste caso da Asociación de Comerciantes de Meira.
Na entrega de premios participaron representantes das entidades organizadoras, entre eles, José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio e da Federación de Comercio de Lugo; Diego Méndez, representante do comercio da localidade; e Antonio de Dios, alcalde de Meira; entre outros.