Entregados os agasallos do programa Compite Vilalba para autónomos
O Concello de Vilalba entregou esta tarde os agasallos aos veciños e veciñas que participaron na campaña D’compras por Vilalba, unha iniciativa que formaba parte do programa Compite Vilalba.
En concreto, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e a concelleira Marta Rouco fixeron entrega de tres Apple Watch e un iPhone, nun acto celebrado na Casa da Cultura de Vilalba.
Un total de 81 pemes e autónomos participaron no programa de formación e asesoramento individualizado impulsado polo Concello de Vilalba e dirixido ao comercio local e a hostalería, co obxectivo de dinamizar o sector e mellorar a súa competitividade tras a crise da Covid-19.
Compite Vilalba permitiu facer unha diagnose individualizada da situación de cada negocio, para despois pasar a unha fase de formación e á realización final da campaña de promocións D’compras por Vilalba, na que participaron 36 establecementos e 721 clientes.
Nas últimas semanas, realizáronse nove seminarios formativos sobre diferentes temáticas, houbo unha etapa de asesoramento individualizado e tres reunións para a formulación e o deseño da campaña D’compras por Vilalba.