Entregados os premios aos gañadores do II Certame Xermadeando pola igualdade

TerraChaXa
Un vale para material escolar, un pequeno detalle e un libro que aborda a temática da violencia de xénero foron os galardóns
xermadeando-pola-igualdade-premiados
7 Jul 2025

O Concello de Xermade entregou os premios do II certame Xermadeando pola igualdade do ano 2025. No acto estiveron presentes o alcalde Roberto García Pernas; a concelleira de Benestar social, Igualdade e Participación Cidadá, Nélida Coira Pena; a concelleira de Educación, Cultura, Deportes e Xuventude, Verónica Amarelo Morado, e a concelleira do grupo municipal do Partido Popular, Sandra De Bernardo Eimil.

Co gallo de avanzar na consecución do obxectivo común de acadar unha sociedade igualitaria e coas mesmas oportunidades para mulleres e homes, o Concello de Xermade considera imprescindible traballar co alumnado do CEIP de Xermade, ao que convidou unha vez máis a participar nun certame de creación artística escrita e gráfica coa igualdade como temática central.

Un vale para material escolar, un pequeno detalle e un libro que aborda a temática da violencia de xénero, foron os premios que se entregaron ás persoas premiadas.

Logo da entrega, a rapazada participou nun obradoiro infantil a cargo de Marisa Irimia baixo o título de Creando IGUALDADE, no cal, mediante a creatividade, e a través do xogo e diferentes recursos plásticos, exploraron, dun xeito lúdico, un territorio de reivindicación da figura da muller: Mulleres na arte, na ciencia, no deporte, en diferentes profesións, mulleres que abriron e abren camiño cara un sociedade máis igualitaria, que contribúen, cos seus coñecementos, a crear unha sociedade mellor, que se prestaron a xogar dándose a coñecer.

Tanto os libros como o obradoiro foron financiados con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

O certame, dividido en tres categorías segundo as idades, premia aos mellores traballos cun vale para material escolar.

Na categoría A, o primeiro premio, dotado cun vale de 50 euros, foi para Yago Cendán Pico. O segundo premio, de 30 euros, recaeu en Mara Piñeiro Campo, mentres que o terceiro premio, con 25 euros, foi para Sergio Bellas Martínez.

Na categoría B, o xurado outorgou o primeiro premio, valorado en 75 euros, a Elena Gato Ares. O segundo premio, cun vale de 55 euros, foi para Asier Cabarcos Balsa, e o terceiro premio, de 40 euros, para Ana Hormeño Carballeira.

Na categoría C, Raúl Pérez Amarelo obtivo o primeiro premio (75 euros), seguido por Martina Fernández Salgado cun segundo premio de 55 euros, e Anastasia Arribas Vega co terceiro premio, valorado en 40 euros.

⚙ Configurar cookies
0.1929919719696