Entregados os premios do certame de poesía de nadal en Xermade

O alcalde, Roberto García, a concelleira de Cultura, Verónica Amarelo, e a de Igualdade e Participación Cidadá, Nélida Coira, fixeron entrega dos premios da fase local do certame de poesía infantil Nadal 2024 nun acto celebrado na biblioteca local.
Os premiados foron, na categoría A, destinada a nenos ata 8 anos, para Uxía Cazás Pardiñas, Mara Piñeiro Campo e Sergio Bellas Martínez, mentres que na categoría B, para participantes de 9 a 11 anos, os galardoados foron Martina Fernández Salgado, Lois Martínez Pérez e Xela Prieto Lomba.
Estes traballos foron recoñecidos cun lote de libros e un diploma acreditativo, ademais de ser enviados a Lugo para participar na fase provincial do certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
O xurado decidiu ademais conceder accésit, consistentes nun lote de libros, aos traballos presentados por Elena Gato Ares, Manuela Pérez Amarelo e Raúl Pérez Amarelo.
Durante a cerimonia, o alcalde felicitou os premiados e destacou a calidade das obras presentadas, desexándolles sorte na fase provincial e animándoos a participar nos certames de debuxo e narración organizados con motivo das Letras Galegas.
Pola súa banda, o bibliotecario Marcos Saavedra agradeceu o esforzo realizado polos participantes ao presentar un traballo desta natureza en datas tan especiais como o Nadal.