Entregados os premios do certame Saborea as Pontes

TerraChaXa
A décima edición de Saborea As Pontes, celebrada entre os días 12 e 21 de outubro e na que participaron 33 establecementos hostaleiros da vila, sete deles por primeira vez, serviu un total de 29.
Saborea
27 Oct 2018

A décima edición de Saborea As Pontes, celebrada entre os días 12 e 21 de outubro e na que participaron 33 establecementos hostaleiros da vila, sete deles por primeira vez, serviu un total de 29.450 tapas, superando a cifra acadada durante a edición anterior na que se prepararon 28.585 petiscos.

As cifras deunas a coñecer, onte, a concelleira de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego, Ana Pena, durante o acto de entrega dos premios do concurso gastronómico no que o Bar Trastoy III obtivo, ó igual que na edición pasada, o galardón a “Mellor tapa pontesa valorada polo público” coa súa tapa Trastea mentres que A Capilla alzouse co título de “Mellor tapa pontesa”, elixida por un xurado profesional, coa tapa Os Pecados da Granxa, tomando o relevo a A Botellería.

Durante o acto de entrega de premios, no que estivo presente unha numerosa representación dos hostaleiros locais e da veciñanza, a edil, tras dar a noraboa ós premiados, salientou que:“ A décima edición de Saborea As Pontes foi un gran éxito, feito que quedou reflectido en todas as cifras do concurso. Tivemos unha cifra récord de establecementos participantes,  serviuse o maior número de tapas da historia do concurso e tamén houbo un aumento de tarxetas de votación depositadas que este ano chegaron a cifra de 1.561, trescentas máis que na edición do ano 2017”.

Ana Pena amosou a satisfacción do goberno local polos resultados acadados e agradeceu a todos os hostaleiros o seu traballo e profesionalidade, facendo que Saborea As Pontes supere todas as expectativas, tanto na calidade das tapas como de participación. “É un orgullo contar cun sector de profesionais, que ano tras ano, nos amosan o mellor de si mesmos facendo que Saborea As Pontes sexa xa un referente no ámbito dos concurso culinarios” subliñou a edil.

A concelleira tamén quixo dar as grazas ós veciños e visitantes polo seu apoio ós hostaleiros, saíndo ás rúas, probando as tapas e contribuíndo á dinamización dun sector esencial na economía da vila, xerador de centos de postos de traballo. Un sector conformado por grandes profesionais, que cada día, nos agasallan co seu bo facer e co seu compromiso co futuro do noso pobo”.

0.16829299926758