Entregados os premios do concurso micogastronómico das Pontes

TerraChaXa
Este sábado 14 de xaneiro tivo lugar a entrega de premios ás persoas finalistas e gañadoras nas dúas categorías (doce e salgado) do Concurso de Receitas As Pontes, Terra de Cogomelos.
17 Xan 2023

Este sábado 14 de xaneiro tivo lugar a entrega de premios ás persoas finalistas e gañadoras nas dúas categorías (doce e salgado) do Concurso de Receitas As Pontes, Terra de Cogomelos. Elena López, concelleira de Turismo, Consumo, Hostalería e Comercio destacou que este concurso, celebrado ao abeiro das Xornadas Micolóxicas promovidas polo Concello das Pontes, consistiu “nunha iniciativa que logrou contribuír á promoción de cogomelos silvestres na gastronomía e ao impulso da riqueza da nosa bisbarra, poñendo en valor un alimento natural e moi saudable”.

Ao certame foron presentadas un total de 22 receitas cos cogomelos como ingredientes principais na súa elaboración, das cales boa parte se correspondían coa categoría de receitas salgadas. Para a súa valoración, conformouse un xurado formado por tres persoas con perfís vencellados á micoloxía e á gastronomía, como son: do asociacionismo en promoción da micofilia ou en representación da hostalaría local, entre outros. Para tal fin, foi celebrada unha xuntanza de valoración das receitas atendendo aos criterios expostos nas bases do certame, isto é: a orixinalidade da receita, a súa presentación, as técnicas empregadas na súa elaboración e o protagonismo dos cogomelos. Tras as oportunas puntuacións outorgadas, deuse a coñecer ás persoas participantes a súa condición de finalista no certame.

Se ben, as receitas gañadoras foron desveladas durante a propia xornada celebrada este sábado na Casa da Cultura Doutor Dopeso. Na mesma, foron entregados os premios correspondentes a cada unha das persoas finalistas, entre os que se poden mencionar algúns como os seguintes: un diploma polo resultado obtido no certame, 6 permisos anuais de autorización de acceso con fins de autoconsumo ao couto micolóxico do Monte Forgoselo, 6 troncos micorrizados para a produción de shitake en ecolóxico da empresa Setabella do productor pontés Rafael Corral e 3 guías de campo sobre micoloxía e a micogastronomía galega.

Entre as persoas finalistas, poden observarse persoas afeccionadas e implicadas na súa promoción, expertas no estudo micolóxico e a súa divulgación ou estudantes de cociña que van forxando a súa carreira profesional no ámbito da hostelería. Ademais, a concelleira Elena López destacou que “se acadou unha combinación entre persoas residentes no municipio das Pontes e a comarca do Eume, xunto con outras oriúndas noutros municipios galegos e mesmo no norte de Portugal, o que dá mostra do alcance desta primeira edición do concurso”. Así, na categoría de receitas salgadas resultaron finalistas as seguintes:

  • 1º Robaliza de outono, de Mateo de Miguel Blanco Martí.
  • 2º Frankys, empanadiñas de huitlacoche, de Roberto Gómez Caridad.
  • 3º Quiche de boletus, de Gil Almeida Otero.

Pola súa parte, na categoría de receitas doces, as finalistas foron as seguintes:

  • 1º Torta de améndoa con cantarelas e boletus, de Manuel Mora Martínez.
  • 2º Flan de andoas, de Marisa Castro Cerceda e Francisco Xavier Martins
  • 3º Larpeiradas, madalenas de craterellus e cantharelus con licor café de Nogueira de Ramuín, de Mónica

Publicación dun receitario de pratos a base de cogomelos

No acto de entrega de premios, o Concello das Pontes, presentou o receitario que recompila todas as receitas presentadas ao certame. Este receitario, elaborado en formato dixital, xa é público, polo que xa pode ser descargado e consultado por calquera persoa interesada na gastronomía micolóxica na páxina web do Concello.

Para cada unha delas, recóllense aspectos como os ingredientes e cantidade de cada un deles, o tempo estimado para a súa elaboración, o número de comensais para as que se prevén as cantidades e o procedemento para a súa elaboración, así como o premio ou resultado obtido no concurso As Pontes, Terra de Cogomelos.

Danse por concluídas unhas xornadas micolóxicas exitosas

Coa entrega de premios correspondentes ao concurso de receitas, dáse por finalizada a II edición das xornadas micolóxicas As Pontes, Terra de Cogomelos impulsadas polo Concello. Elena López destacou que “se tratou dunha iniciativa exitosa na que se percibe un interese crecente na micoloxía entre a sociedade galega, o que vai acompañado dunha elevada demanda de actividades relacionadas con estas especies e dun maior coñecemento sobre os seus potenciais usos e aproveitamentos, dende os gastronómicos ata os turísticos, pasando polos científicos, didácticos e forestais”.

Proba disto, cabe destacar a elevada asistencia ás diferentes actividades que se desenvolveron, contándose en ocasións con lista de agarda. En total, foron recibidas un total de 291 inscricións correspondentes a 157 persoas, mentres que o número de prazas confirmadas se situou en 194. Ademais, cabe destacar o alcance destas xornadas. Neste sentido, unha terceira parte das persoas que se inscribiron ás diferentes actividades eran residentes no municipio das Pontes, outra terceira parte residían na bisbarra, e a restante parte se corresponde principalmente co resto da provincia da Coruña, mais tamén algunhas residían no resto de Galicia (principalmente no noroeste de Lugo) e mesmo noutras Comunidades Autónomas.

Por actividade, as saídas ao monte para a identificación e recollida de cogomelos resultaron as que suscitaron un maior interese, en tanto que de forma xeral se contou cunha elevada lista de agarda, mesmo tendo en conta que en ocasións se realizaron ampliacións do número de prazas ofertadas co fin de garantir que todas as persoas inscritas puidesen, cando menos, asistir a unha das actividades. Nos faladoiros e obradoiros de cociña tamén acadouse unha participación moi satisfactorio, cubríndose as prazas en todas as actividades ofertadas.

Á vista destes resultados, a concelleira Elena López incidiu que o traballo destes anos “está a supoñer un forte impulso na contribución á creación dunha maior cultura micofílica entre a poboación, situándose como municipio de referencia no liderado e promoción de actuacións neste ámbito en Galicia”, indicando, ademais, que se trata dun eido cun elevado potencial no municipio polo que se seguirán promovendo e explorando novas actividades, apostando pola innovación nas mesmas.

0.17022323608398