Entregados os vales aos gañadores do Mercado de Nadal de Muimenta

TerraChaXa
Os premios deberán ser consumidos antes do 20 de febreiro nos establecementos adheridos ao colectivo empresarial de Muimenta
entrega-premios-mercado-nadal-muimenta
22 Jan 2026

A Asociación de Empresarios de Muimenta fixo entrega dos vales premiados correspondentes á XVII edición do Mercado de Nadal de Muimenta, celebrada entre o 1 de decembro de 2025 e o 5 de xaneiro deste ano. En total apareceron 15 dos 19 vales sorteados, cun importe de 100 euros cada un, o que suma un total de 1.500 euros en premios que foron entregados nun acto no local que a asociación ten na Casa da Cultura de Muimenta.

O sorteo estivo vinculado ao número premiado no Gordo da Lotería do Neno, que este ano foi o 06.703.

Ao acto asistiron representantes de Abanca, o presidente da Federación de Comercio de Galicia, José María Seijas, así como membros da directiva da Asociación de Empresarios de Muimenta, entidade que agrupa a comerciantes, profesionais, autónomos e gandeiros da vila.

Os premios deberán ser consumidos antes do 20 de febreiro nos establecementos adheridos ao colectivo empresarial de Muimenta. Nesta edición deuse a circunstancia singular de que unha mesma persoa, Azucena Chao, resultou agraciada con dous vales premiados correspondentes a papeletas da Perruquería Raquel e do Estanco.

O XVII Mercado de Nadal de Muimenta estivo organizado pola Asociación de Empresarios da localidade e contou coa colaboración de Abanca, Corporación Bancaria, e da Federación de Comercio de Galicia, co obxectivo de dinamizar o comercio local durante as datas do Nadal.

⚙ Configurar cookies
0.078907012939453