Entregan á AECC de Lugo máis de oito mil euros recadados no Día da Bicicleta de Vilalba

A Xunta de Galicia entregou formalmente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Lugo os fondos recadados durante o Día da Bicicleta de Vilalba, unha iniciativa solidaria organizada polo Espazo Xove da localidade.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, participaron no acto de entrega, no que explicaron que grazas á colaboración veciñal e ao espírito solidario do evento se recadaron 8.178 euros destinados a apoiar o labor da asociación en favor das persoas enfermas de cancro e das súas familias.
A recadación procede tanto da venda de camisetas conmemorativas como das doazóns voluntarias realizadas polos participantes. Este ano, as camisetas rendían homenaxe ao Dj e produtor vilalbés Juan Manuel Filgueiras Rama, coñecido como Lelé, gran afeccionado ao ciclismo e falecido hai uns meses.
O Día da Bicicleta, unha das citas máis tradicionais do verán vilalbés, celebrou o pasado 29 de agosto a súa trixésima edición, mantendo o seu poder de convocatoria e o seu carácter solidario. A actividade está organizada polo Espazo Xove de Vilalba, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.