Entregan ao Concello de Castro os títulos da concentración parcelaria de Ramil

TerraChaXa
O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, trasladouse ata o concello lugués de Castro de Rei para facerlle entrega ao seu alcalde, Francisco Javier Balado, dos títulos da concentración parcelaria de Ramil.
200701_parcelaria_Castro_Rei
1 Jul 2020

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, trasladouse ata o concello lugués de Castro de Rei para facerlle entrega ao seu alcalde, Francisco Javier Balado, dos títulos da concentración parcelaria de Ramil. Desta forma, dáse por concluído este proceso de reorganización do territorio que supuxo a reestruturación dunha superficie de 803 hectáreas propiedade de 250 veciños e veciñas.

Cómpre sinalar que a entrega de títulos realízase desta forma para evitar a aglomeración de xente, tendo en conta a situación actual tras a emerxencia sanitaria. Porén, as persoas beneficiadas por esta reestruturación poderán recoller os seus títulos cando así llelo comunique o goberno local.

Así, este proceso de reestruturación parcelaria permitiu ampliar a superficie media das parcelas en máis dun 240%, pasando de 4.600 a 15.800 m² por predio. Desta forma, o número de fincas tamén diminuíu, ao reorganizar 1.665 predios que había ao comezo do proceso en 470 parcelas resultantes. Deste xeito, conséguese mellorar a base territorial das explotacións da zona ao dotalas de parcelas máis grandes para traballar nelas, o que deriva nunha diminución dos custos de produción das propias granxas.

O director xeral lembrou que o Goberno galego aposta e confía nestes procesos ao seren unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. De aí, insistiu, en que as novas reestruturacións parcelarias teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.

Así, mediante o impulso a estes procesos, dáse tamén cumprimento ao anunciado no Plan de reactivación e dinamización elaborado pola Consellería do Medio Rural para facer fronte á crise provocada pola covid-19. Ademais, as reestruturacións parcelarias seguiranse impulsando tamén da man da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que vén complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga).

Neste senso, Pérez Dubois subliñou que, xunto coas concentracións parcelarias públicas reguladas na Metaga, na nova lei apostarase por mecanismos de mobilización voluntaria que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Previsión de futuras entregas
Por último, o director xeral lembrou que ao longo deste ano 2020, a Consellería do Medio Rural fará entrega de máis de 20.200 títulos de concentración parcelaria a máis de 9.200 veciños e veciñas beneficiados por 20 procesos. Así mesmo, sinalou que na actualidade estase a traballar para poder decretar novas reestruturacións parcelarias, priorizando 27 das pendentes de decreto.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19595313072205