Entregan en Foz os diplomas dos cursos de formación
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, xunto coas responsables da asociación Mujeres en Igualdad, entregaron este mércores os diplomas de diversas accións formativas que tiveron lugar no concello focense entre os meses de xullo e outubro de 2020. O mesmo colectivo realizará outras accións formativas no concello focense nos vindeiros meses de febreiro e marzo.
Os cursos impartidos o ano pasado en Foz pola asociación Mujeres en Igualdad formaban parte do programa Inserta: formación e emprego, financiado pola Xunta de Galicia. Estas actividades, que versaron sobre Competencias Tic e Competencias Clave, tiveron como obxectivo principal mellorar a empregabilidade das persoas participantes.
Durante o acto de entrega de diplomas as representantes de Mujeres en Igualdad anunciaron que durante os meses de febreiro e marzo deste ano desenvolverán novas accións formativas no concello de Foz. Nesta quenda os cursos estarán encamiñados á formación socio sanitaria e ó apoio á preparación da parte teórica do carné de conducir. As persoas interesadas nestes cursos poden apuntarse no departamento de Servizos Sociais do Concello de Foz ou chamando á propia asociación Mujeres en Igualdad.