Entregan nas Pontes os premios do sorteo de turismo

TerraChaXa
As gañadoras foron Elena Bouza, a través de Instagram, e Ana Belén Almeida, a través de Facebook
premios-picnic-verano-as-pontes
12 Jul 2025

Tivo lugar no parque municipal fronte á Casa do Concello a entrega dos premios do concurso-sorteo Pícnic Verán, organizado pola Concellería de Turismo do Concello das Pontes para dar a benvida ao verán e fomentar o consumo no comercio e hostalería local.

Os premios foron entregados pola concelleira delegada da área de Turismo, Elena López, acompañada pola concelleira delegada da área de Cultura, Lorena Tenreiro, quen fixeron entrega dos lotes ás dúas gañadoras do concurso: Elena Bouza, a través de Instagram, e Ana Belén Almeida, a través de Facebook. Ambas amosáronse moi contentas por todos os agasallos recibidos e manifestaron o seu interese por estrear a cesta de pícnic esta mesma fin de semana na praia con bandeira azul do lago das Pontes.

Cada lote incluía unha cesta de pícnic equipada con menaxe reutilizable, un vale de 50 € para gastar no comercio e hostalería das Pontes, dúas entradas de cine para a Casa Dopeso, un suadoiro de Turismo As Pontes, o folleto turístico Explora As Pontes, o libro de fotografías históricas Daquela As Pontes e o libro-cómic O cabaleiro García Rodríguez, o das Pontes.

Ademais, a Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios das Pontes (Cohempo) quixo sumarse a esta iniciativa de promoción turística impulsada polo Concello, facendo entrega de dous exemplares da revista oficial das Festas do Carme e a Fraga 2025, así como de bolsas e pulseiras conmemorativas da Festa da Fraga e da campaña “Orgullo Pontés”.

Montse Gastelu, presidenta de Cohempo, sinalou que “é moi satisfactorio poder colaborar con este tipo de iniciativas que buscan impulsar un sector en crecemento como é o turismo, sumando esforzos entre o sector privado e o Concello para poñer en valor todo o que As Pontes pode ofrecer”.

As concelleiras Elena López e Lorena Tenreiro destacaron que “estas campañas serven para mellorar o posicionamento das nosas redes de promoción turística, que acadaron máis de 100.000 visualizacións no mes de xuño nas contas de Facebook e Instagram”.

Desde Turismo As Pontes agradécese a implicación de todas as persoas participantes e anímase á veciñanza a seguir os perfís oficiais para estar ao tanto de novas campañas e actividades.

⚙ Configurar cookies
0.17177510261536