Entregan o día 23 a Iria Misa o IV Premio Agustín Fernández Paz
O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o acto de entrega do IV Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á escritora gañadora, Iria Misa, polo seu libro A Cidade do Átomo, que terá lugar o sábado, día 23 de outubro de 2021, ás 20:00 horas, no auditorio municipal de Vilalba.
O referido acto, presentado por Carmen Hermida, contará coa intervención de Marisa Barreiropresidenta do Iescha, Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba; Fran Alonso, director de Edicións Xerais de Galicia; Manuel Bragado, membro do aurado, e Iria Misa, gañadora do premio.
Durante o acto irán producíndose distintas actuacións relacionadas coa música, coa poesía, cos textos teatrais, coa imaxe, etc.
Para elo, contamos coa participación de BMV Ensemble, interpretando o tema Non hai noite tan longa para a Dama da Luz; a Escola Municipal de Teatro, escenificando a montaxe Valados, e Alba (Voz) e Sophia (Piano) do IES Basanta Silva cantando e recitando Tres poemas de amor para Agustín. Colaborará no acto a Asociación de Xordos.
O aforo está limitado ao 90%. A entrada é de balde, pero haberá que reservala con antelación directamente na Casa da Cultura, ou ben a través da páxina web do Concello. Tamén se poderán conseguir o mesmo día do acto na billeteira do Auditorio sempre e cando quedasen asentos libres.