Entregan os diplomas do obradoiro de emprego de Begonte, Friol e Rábade

LugoXa | TerraChaXa
Os participantes realizaron obras en espazos públicos dos tres concellos
obradoiro-begonte
22 Sep 2025

A Xunta clausurou o obradoiro dual de emprego Cumes de Terra Chá VIII, no que investiu 442.000 euros. A actividade foi promovida polo Concello de Begonte asociado cos de Rábade e Friol.

A directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, participou hoxe na entrega de diplomas aos alumnos e alumnas que completaron a formación. O taller ofreceu 20 prazas de ensinanzas teóricas e prácticas nas especialidades de operacións auxiliares de fábricas e cubertas, e operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.

Os participantes realizaron obras en espazos públicos dos tres concellos. En Begonte procedeuse á creación dun Centro de Interpretación agropecuaria no lugar de Santalla de Pena e á pavimentación e peche na contorna da escola infantil municipal.

En Rábade, as actuacións centráronse no pavimentado de espazos exteriores do edificio do antigo cine Man, así como na execución de obras de mantemento e reparación en distintos puntos do viario urbano da localidade. No que respecta a Friol, levouse a cabo a rehabilitación do local social de Carballo e a pavimentación da contorna, ademais de pintar a escola de Vilalvite.

A representante autonómica destacou que os obradoiros están enfocados a incrementar as oportunidades laborais do alumnado, ofrecéndolles unha formación teórica e práctica adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos.

O taller de emprego Cumes de Terra Chá VIII inclúe ademais incentivos para contratar a varios participantes en empresas da zona para desempeñar funcións vinculadas ás ensinanzas impartidas. Os contratos realízanse ao finalizar a actividade, e teñen unha duración mínima de tres meses a xornada completa.

⚙ Configurar cookies
0.090971946716309