Entrepinares colabora co Concello no financiamento do FIV 2021

TerraChaXa
O Concello de Vilalba e Queserías Entrepinares firman un convenio de colaboración para a 14ª edición do FIV de Vilalba.
CONVENIO FIV 2021 ENTREPINARES
4 Ago 2021

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o Conselleiro Delegado do Grupo Entrepinares, José Manuel García, asinaron esta mañá no Concello de Vilalba o convenio relativo á 14ª edición do FIV de Vilalba. O Grupo Entrepinares colabora no financiamento do FIV de Vilalba 2021, considerado de interese xeral en virtude da promoción cultural de Vilalba.

O Conselleiro Delegado, José Manuel García, subliñou como excelente esta colaboración entre o Concello e o Grupo Entrepinares e poñía en valor a importancia de apoiar a cultura nestes momentos de pandemia nos que se ten visto fortemente impactada pola crise do coronavirus. “Dentro da estratexia de sustentabilidade de Entrepinares, mantemos un compromiso coa sociedade como é esta cita cultural, que leva máis dunha década situando o nome de Vilalba no panorama de festivais a nivel nacional, onde non só consolidou o seu prestixio, senón que o incrementa ano tras ano”.

Pola súa banda, Elba Veleiro, agradeceu a implicación do Grupo Entrepinares no festival tanto nas cuestións económicas como nas cuestións de promoción, xa que a celebración dunha nova edición deste festival é un acontecemento importante para toda a vila.

Na firma do convenio estaban presentes tamén a concelleira de Cultura, Vanesa Siso, e Javier Gato, director da planta de Queserías Entrepinares de Vilalba.

Unha nova edición do FIV de Vilalba

O FIV de Vilalba celebrará en 2021 a súa 14ª edición os días 17, 18 e 19 do próximo mes de setembro. Un evento único, no que a música de Xoel López, Zahara, Novedades Carminha, La Bien Querida, Melenas, Ortiga, dani, Momboi, Petit Pop, Magical Colours, beGun dj set e Rapariga Dj, se mestura con outras disciplinas atractivas que completan a experiencia.

Esta edición conxuga esa esencia do propio FIV marcada por artistas habituais e concertos xa consolidados como o da Banda de Música de Vilalba, con outras novidades. Deste concepto nace FIV KIDS, un espazo para os pequenos e as pequenas da casa, no que gozarán de ofertas adaptadas aos seus intereses.

Serán tres días consecutivos de música e actividades, nos que os diferentes artistas actuarán simultaneamente nos escenarios situados na Praza da Constitución e no Campo da Feira. Enclaves que acollerán este novo FIV; espazos amplos que permiten a adaptación aos tempos e aos protocolos vixentes. Pois a edición deste 2021 será, ante todo, segura. O cambio de escenarios respecto a edicións anteriores, así como a modificación das datas, garanten a celebración do festival. Fan que o seu desenvolvemento sexa posible de acordo coas medidas sanitarias, e aseguran a súa viabilidade cara a edicións futuras.

0.19670701026917