Entrepinares patrocinará a programación do Samaín de Vilalba que presentou este venres

TerraChaXa
Un dos pratos fortes da xornada será o tradicional concurso de cabazas, que volverá contar con dúas categorías
VILALBA_SAMAIN_2025
24 Oct 2025

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o director de Personas e Comunicación de Grupo Entrepinares, Roberto Cabezas, presentaron hoxe a programación de Samaín 2025 do Concello de Vilalba, patrocinada por Grupo Entrepinares.

O vindeiro sábado, 1 de novembro, Vilalba celebrará o Samaín cunha completa programación pensada para todos os públicos e que se desenvolverá a partir das 16:00 horas na Praza da Constitución, con túnel do terror, inchables e magosto.

Un dos pratos fortes da xornada será o tradicional concurso de cabazas, que volverá contar con dúas categorías: infantil (menores de 12 anos) e familiar (mínimo un menor de 12 anos).

A entrega de cabazas poderá realizarse entre as 11:00 e as 13:00 horas na Praza da Constitución, onde pola tarde estarán expostas para que o público poida admirar as creacións participantes.

A entrega de premios celebrarase ás 19:00 horas, e os galardóns serán os seguintes: na categoría infantil, o 1º premio constará dunha bicicleta e diploma e o 2º e 3º premio, un agasallo e diploma; na categoría familiar: o 1º premio, consistirá nunha cámara instantánea e diploma e o 2º e 3º premio, un agasallo e diploma.

Durante a presentación, a alcaldesa Marta Rouco agradeceu a colaboración de Grupo Entrepinares, “unha empresa comprometida coa nosa vila e coa dinamización social e cultural de Vilalba”. Engadiu que “gracias a esta colaboración podemos seguir ofrecendo actividades para todas as idades; días de encontro, diversión e participación para os veciños e veciñas”.

Rouco tamén animou á cidadanía a participar e botar a voar a súa imaxinación: “O Samaín é unha das festas máis creativas e familiares do ano, e queremos ver a Praza da Constitución chea de cor, de risas e das cabazas máis orixinais”.

Pola súa banda, Roberto Cabezas, salientou que “en Grupo Entrepinares estamos moi orgullosos de colaborar un ano máis co Concello de Vilalba na celebración do Samaín 2025. Para nós supón unha cita que une tradición, creatividade e comunidade. Encántanos poder formar parte de iniciativas que dan vida ás rúas e fomentan a participación de grandes e pequenos ao redor da cultura local.”

Esta programación enmárcase no acordo de colaboración entre o Concello de Vilalba e Grupo Entrepinares, que permite desenvolver ao longo do ano diversas actividades lúdicas e recreativas dirixidas á infancia e ás familias na capital chairega.

Desde o Concello de Vilalba subliñan que o Samaín é unha das citas máis esperadas do outono, “un exemplo máis do compromiso da Alcaldía por gobernar para todos e todas, impulsando propostas que fomentan a convivencia, a participación e o orgullo de vila”.

⚙ Configurar cookies
0.070106029510498