"O obxectivo é intentar mellorar o noso pobo"
Remedios González Cabarcos é a nova alcaldesa de Rábade, falamos con ela sobre os proxectos para estes catro anos de goberno.
Con que obxectivos chega á Alcaldía?
O obxectivo é intentar mellorar o noso pobo, que pensamos que está un pouco abandonado e dende hai uns anos a esta parte non se está traballando nel como se debería.
Rompeu con moitos anos de Goberno do independente Francisco Montes. Cal foi o cambio que se produciu na sociedade de Rábade?
Eu é a terceira vez que me presento e nas dúas anteriores xa gañamos pero non obtivemos a maioría necesaria, agora si a obtivemos, ademais folgadamente. Entón eu penso que a xente xa se cansou de tanta promesa incumprida e deuse de conta de que Rábade necesitaba un cambio, e decidiu apostar por nós.
Cales son os proxectos máis inmediatos?
O primeiro proxecto, que é algo que nos pide todo o mundo, é limpeza no pobo porque está realmente que dá sensación de abandono do pouco limpo que está. Tamén unha das peticións que máis se repiten é contar con máis iluminación porque a verdade tamén está bastante mal.
Como proxecto tamén está mellorar o que son os servizos básicos, aínda que iso será máis un proxecto a longo prazo, ter auga de calidade e unha rede de saneamento nos sitios que non dispoñen dela. Pero sobre todo mellorar o alumeado público e elaborar un plan de limpeza e de recollida de residuos acorde co pobo porque está moi abandonado.
Outro proxecto que tamén temos en mente e que pensamos que é primordial e moi importante é o de facilitar a conciliación familiar, poder ter un centro de día, mellorar o servizo de axuda a domicilio e logo por suposto o servizo de madrugadores que non existe así como o servizo de permanencia polas tardes cando os nenos saen do colexio, para poder ter un sitio onde estar mentres as familias están traballando. Despois sempre está potenciar o deporte ou dinamismo comercial que hai que darlle un pulo para que saia un pouco cara adiante.
Que necesidades ten Rábade agora mesmo?
A mellora dos servizos básicos, facilitar a conciliación familiar que é totalmente inexistente e, a nivel cultural, crear unha biblioteca municipal e unha ludoteca, iso é o primordial que fai falta. En canto a infraestruturas temos a necesidade de sacar o tráfico pesado, os camións, que circulan por un par de rúas e ocasionan moitos desperfectos nas vivendas, e polo tanto é necesario crear un acceso directo ao polígono industrial dende a Nacional VI. E por suposto o arranxo da avenida de Vilalba, que en todos estes anos non se fixo.
Que plan hai para proxectos en marcha como a pasarela do tren, o Cine man, etc…?
A pasarela é algo moi importante que tamén levamos no noso programa. Parece que saíu no Boletín Oficial do Estado e que está licitada. Nós imos seguir con este proxecto porque o pobo de Rábade está divido en dous. A pasarela que hai ata agora é unha pasarela moi antiga que ten máis de cincuenta anos e está moi deteriorada, ademais nunca se arranxou o que fai que sexa incluso perigosa para as persoas maiores e de moi difícil acceso cun carriño de bebe. Polo tanto isto é algo primordial e imos a continuar co proxecto que hai, ao mellor a nós gustábanos máis outro proxecto pero ese é o que hai e imos a continuar con el.
O Cine man é un proxecto que nos imos atopar aí, non sabemos si coa realidade da subvención europea. Evidentemente non o imos a rexeitar, pero para nós, xa antes, non era algo prioritario, víamos que había moitas necesidades anteriores ao que é a compra do inmoble, o arranxo e a compra dunha parcela limítrofe. Agora que está imos intentar darlle unha saída, non sabemos se temos xa eses fondos europeos, ou hai que pedilos, teremos que esperar para saber que pasa.
A nivel industrial cal é o principal plan de traballo?
A nivel industrial o primeiro é comezar a facer o acceso directo ao polígono dende a nacional VI, para que os camións non teñan que pasar polas rúas do pobo. Ademais, un dos nosos obxectivos é intentar realizar a outra fase do polígono industrial porque nesta as parcelas xa están todas vendidas e tamén intentar potencialo un pouco máis.
O de Rábade é un dos polígonos industriais máis antigos da provincia sendo tamén un dos primeiros e ten un gran volume de vehículos e de persoas, entón imos buscar que se inclúa Rábade como concello emprendedor para poder impulsar axudas de emprego e tamén para o emprendemento do comercio local. Así mesmo é importante potenciar o dinamismo comercial do pobo, de todos os negocios autónomos que hai na vila con algunha axuda se é necesario porque hai moitos que pecharon nos últimos tempos, gustaríanos poder axudar para que se volvan crear negocios novos con algunha axuda.
Ten pensado xa o reparto de responsabilidades no novo goberno?
De momento estamos traballando niso, o que si é case seguro é que eu vou estar ao cargo da parte de educación e cultura.
Promete ser unha transición tranquila?
Si, eu penso que si vai ser unha transición tranquila, espero que si.