“O segredo é facer unha sociedade de interese veciñal e de utilidade pública”
Isidro Cillero é o presidente da Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, falamos con el sobre os comezos, as actividades e os plans de futuro deste colectivo do concello de Vilalba.
Como e onde nace a Liga Santaballesa?
A Liga Santaballesa naceu na Habana no ano 1907, tras a xuntanza de persoas emigradas que vivían en Cuba, principalmente na Habana. Montaron unha sociedade, que naquel momento estaban nacendo moitas e había un movemento asociacionista moi grande. Tiñan unha xunta administrativa aquí que estiveron coordinadas e levaron a cabo a construción da escola e de diversos panteóns. Nos anos trinta, a escola pasou a mans do Concello e a asociación continuou ata o ano 59 que comeza a funcionar un pouco por separado. A Liga Santaballesa da Habana segue a ter alá a sociedade e nós seguimos aquí tamén, e estamos en contacto con eles.
De onde nace este nome?
O de liga ven porque naquel momento o que se trataba era de unir, ligar. Estaban por exemplo os Fillos da Comarca de Castrocaldelas, Fillos de Ribadeo e así varios grupos polo que este nome era un pouco para aglutinar á xente e servir como unión.
Cal é o obxectivo principal desta asociación?
O obxectivo principal é manter o legado que nos deixaron os cubanos, a escola e o panteón que hai no cemiterio.
Que actividades realizan durante o ano?
Durante o ano lévanse a cabo diversas actividades, cada ano hai unha serie delas, facemos charlas, xornadas sobre a emigración, facemos gravacións audiovisuais, publicacións e despois tamén realizamos cursos para a terceira idade, de ximnasia, de memoria ou de manualidades. Sempre un pouco a favor dos veciños de Santaballa e para poder manter ese legado e esa memoria, para tela actualizada e viva para que os rapaces sigan coñecendo esas migracións que houbo a principios do século pasado.
Que proxectos teñen de cara ao futuro?
Todos os anos facemos unha feira indiana para conmemorar e recordar aos emigrados o terceiro fin de semana de setembro e levamos xa trece edicións, a deste ano será a 14. Agora mesmo estamos tamén cunha reunión de asociacións carácter indiano nacidas como a nosa e que construíron escolas por Galicia, que se construíron 320 escolas, para facer unha pequena xuntanza e marcar obxectivos, ver cara onde vamos, que queremos e como se pode coordinar un pouco todo este material e darlles unha utilidade a todos estes edificios. Tamén é unha xuntanza para coñecernos máis e saber uns de outros e se pode xurdir unha cousa en común pois moito mellor.
Cantos socios forman a asociación?
Actualmente na Liga Santaballesa somos arredor dos 300 socios.
Que apoio teñen das administracións?
Normalmente optamos a axudas tanto do Concello de Vilalba como da Deputación Provincial. Tivemos unha serie de subvencións para arranxos tanto da escola como da reitoral que compraron os veciños de Santaballa e que se estivo arranxando durante este últimos anos. Tamén optamos a subvencións, a parte das culturais, de obras e nominativas.
Cal é o segredo para estar tantos anos en activo?
Eu penso que facer unha sociedade de interese para os veciños e de utilidade pública, eu creo que é o que nos vai facer pervivir. Darlle esa utilidade á escola, e á asociación e tamén devolverlle aos veciños a cultura como a unión social que os cubanos intentaron desde un principio.
Que necesidades teñen na actualidade?
Sempre hai moitas necesidades, agora mesmo estamos arranxando a reitoral e queremos facer un pequeno museo e un centro da interpretación da historia de Galicia, entón estamos aí pasiño a pasiño con subvencións da Deputación e Terras do Miño.