Entrevista: "Pasamos de ter só un equipo masculino a un club formado por case 100 persoas"

TerraChaXa
O Club de Rugby Fendetestas é unha institución nas Pontes. Falamos con Carla Da Silva, directora técnica do club.
2021   I Beach Rugby Vila das Pontes rugby fendetestas as pontes
23 Xan 2022

O Club de Rugby Fendetestas é unha institución nas Pontes. Ten a súa orixe no ano 1989 pero a súa historia tivo moitos altibaixos. Agora, está a vivir un tempo de recuperación da base, en continuo crecemento e a covid non impediu que o club conseguise poñerse de novo de actualidade. Falamos con Carla Da Silva, directora técnica do club.

Cando naceu o club e que percorrido tivo nestes anos? Breve historia.

O CR Fendetestas naceu no ano 1989, despois de que se impartise nas Pontes un curso de formación de monitores de rugby. Ao mesmo tempo, un grupiño de nenos e nenas interesáronse por este deporte e demandaron adestramentos na vila dirixidos polo grupo de novos técnicos. Esta foi a xente que fundou o club, que lle puxo nome e que elixiu as nosas cores: verde e vermello, como a bandeira das Pontes. Os comezos foron moi exitosos: en poucos anos xa había equipo sénior masculino, infantil, alevín e benxamín participando nas actividades da Federación Galega de Rugby (FGR). Pouco despois formouse o equipo feminino, cun plantel moi novo, pero que competiu en categoría absoluta e chegou a participar nun campionato de España. Seguidamente creáronse os equipos xuvenil e júnior, mentres que as categorías que se presentaban á Liga ían variando de ano en ano. Durante estes anos, foron moitos os xogadores e xogadoras de toda a comarca de Ferrolterra que vestiron a camisola do CR Fendetestas. Tamén houbo presenza nas seleccións galegas e mesmo nalgún caso na española.
Sen embargo, o despegue do rugby galego colleunos cunhas carencias estruturais e de medios que fixeron que resultase moi difícil manterse cada ano, mesmo tendo que trasladarnos a xogar fóra da vila. Pero sempre houbo rugby nas Pontes nas tres últimas décadas. Ben fosen o equipo sénior feminino ou o masculino, sempre un seguiu saíndo cada nova tempada.
Despois duns anos complicados, nos que só se mantivo o equipo sénior masculino, en 2017 escribiuse un novo capítulo no libro deste histórico clube: a recuperación da Escola de rugby e a organización do primeiro campus de rugby. Desde entón, o CR Fendetestas vai medrando en cada tempada, resistindo e mesmo saíndo reforzado do confinamento provocado pola covid-19, no que nos mantivemos en activo organizando eventos e adestramentos virtuais.

A día de hoxe, contamos cunha Escola de rugby dirixida a nenos e nenas de 4 a 11 anos, cunha Academia de rugby para rapazada de entre 12 e 18 anos, e cun equipo sénior masculino. Ademais, despois de 25 anos, o CR Fendetestas conta de novo cun equipo M14 competindo na Liga Galega, e estamos en plena campaña de captación para sacar equipo feminino na próxima tempada.

De que logros se senten máis orgullosos?

A nivel deportivo hai varios fitos no clube, como unha Copa Galicia (cadete - 1993) e unha Copa Xunta gañadas (xuvenil - 1996), a participación do equipo feminino no Campionato de España (1994), o debut do equipo sénior masculino en Liga estatal (2009), a creación da Escola de rugby e a organización do primeiro campus (2017), o campionato da Liga Segunda territorial galega do equipo sénior masculino e o seu ascenso á Liga Autonómica (2018), a participación de 5 xogadoras no primeiro partido da Selección Galega feminina sub18 (2020), a organización do I Beach Rugby Vila das Pontes (2021) ou a volta do equipo M14 á Liga galega (2021).
Sen embargo, os logros que máis nos enchen o peito son aqueles que teñen que ver coa nosa familia verde: pasar de ter só un equipo masculino a un club formado por case 100 persoas en pouco tempo non é algo sinxelo, e que as persoas que fundaron o clube fai máis de 30 anos estean agora a carón dos máis pequenos e pequenas é sen dúbida un síntoma do bo ambiente que se respira na nosa casa. A organización do torneo de rugby praia o verán pasado foi unha evidencia de todo isto: conseguimos sacar adiante un evento coa colaboración de xogadores do equipo sénior, monitorado, familias e xogadores e xogadoras das categorías inferiores, que traballaron arreo e en equipo para que o torneo fose un éxito absoluto.

Cantos equipos e cantos xogadores e de que categorías tedes actualmente?

A día de hoxe, chegamos case ás 90 licenzas (a principio de tempada marcáramos un obxectivo de 70): o equipo sénior masculino que compite na Liga Galega masculina (máis de 30 licenzas), 2 M18 e 4 M16 compiten con cesión no Muralla RC de Lugo, 13 xogadores e xogadoras M14 forman o equipo Alvac CR Fendetestas (xunto cos compañeiros e compañeiras da Escola de Rugby Astérix de Viveiro) e compiten na Liga Galega M14, e temos 30 xogadores e xogadoras nas categorías M6, M8, M10 e M12 que participan nas Concentracións de Escolas de Rugby da FGR. Ademais, todos os martes organizamos unha tocata (partido de rugby sen contacto) entre os xogadores do equipo sénior, a Academia (M14-M16-M18) e algunhas mamás e papás que se suman para aprender este deporte, chegando nalgunha ocasións ás 40 persoas participantes. E por último, temos un grupo dunhas 6 mulleres que están adestrando de xeito habitual co equipo sénior masculino.

Como se presentaba esta tempada? Que obxectivos había?

Esta tempada colleuse con moita forza xa que o ano pasado, por mor da covid, non puidemos sacar ningún equipo en Liga (malia que houbo varios xogadores e xogadoras cedidos noutros clubs galegos). Pero a volta dun equipo sénior reforzado con novas caras e mantendo as que sempre están, máis a participación en Liga do equipo M14, auguraban unha tempada chea de éxitos para o club. Sen embargo, sabíamos que estes éxitos non ían a ser a nivel deportivo, posto que a Liga Galega masculina ten un nivel altísimo e o equipo M14 era completamente novato. Así que encaramos a nova tempada cuns obxectivos claros como clube: continuar medrando en masa social e promocionar o noso deporte co obxectivo de incorporar novos xogadores e xogadoras en todas as categorías. E sen dúbida, estamos conseguíndoo: cada vez se fala máis de rugby nas Pontes e cada vez hai máis xente que se achega ao rugby a través do noso club.

Seica están promocionando agora o rugby feminino. Que iniciativas teñen en marcha?

O proxecto da Escola de rugby naceu xa da man da perspectiva de xénero, e desde entón levamos a cabo varias accións para promocionar o rugby tanto en nenas como en rapazas e mulleres: charlas e sesións de iniciación con xogadoras sénior cedidas noutros clubes, visitas de xogadoras profesionais, difusión en redes sociais con perspectiva de xénero, promoción da formación para adestradoras e monitoras, conferencias en congresos sobre deporte feminino e incorporación de mulleres á xunta directiva, entre outras. Ademais, un grupo estable de mulleres está acudindo aos adestramentos do sénior masculino e este Nadal tomaron a decisión de tentar crear un equipo feminino de cara a próxima tempada. De momento estase a contactar con xogadoras que estiveron previamente no clube (tanto en categoría sénior como en inferiores) e se está facendo unha campaña a través das redes sociais. Pero xa hai máis ideas rondando as cabezas destas mulleres, desde vídeos promocionais ata campañas en clave de humor. O importante é que a mensaxe chegue a todas as mulleres: non importa a idade nin a condición física, o único que buscamos son persoas con gañas de desfrutar dun deporte de equipo nun ambiente agradable e acolledor.

O CR Fendetestas é un club cun gran calado social nas Pontes. Como se consegue iso?

Pois estando presentes na sociedade. Por desgraza, o rugby é un deporte moi pouco coñecido, así que a única solución que nos queda é achegalo á comunidade. Para iso facemos xornadas de promoción nos centros educativos, tanto nas Pontes como nos arredores, organizamos xornadas de portas abertas, participamos en eventos organizados polo Concello (como o Día do deporte na rúa), facemos xornadas de convivencia, celebramos o Día da Familia... Todo co obxectivo de que as crianzas, as familias e a veciñanza pontesa poidan achegarse a este deporte e comezar a velo con outros ollos.

Cales son os proxectos máis inmediatos de futuro?

De cara a vindeiras tempadas, gustaríanos ter un equipo feminino competindo na Liga Galega e tamén un equipo M16 da man da Escola de Rugby Astérix de Viveiro. Ademais, queremos seguir a colaborar con outros clubes, como o Muralla RC, a través das cesións de xogadores e xogadoras para que todo o mundo teña a posibilidade de competir (se é o que quere). Por outra parte, queremos crear un equipo de Mixed Ability rugby, que é unha modalidade de rugby na que o equipo está composto por persoas con e sen discapacidade. A inclusión é un dos nosos valores principais, e queremos que o CR Fendetestas sexa un clube no que todo o mundo atope o seu sitio.
Do mesmo xeito, na actualidade somos parte da rede galega Rugby no rural, que busca promocionar o noso deporte nas aldeas e vilas máis pequenas. A día de hoxe xa estamos impartindo sesións de rugby nas Somozas, e tamén en dous colexios de Vilalba apoiando ao recén creado Capóns Vilalba Rugby Club. A nosa idea é seguir apostando polo traballo coa base, tanto nas Pontes coma nos arredores, para que o día de mañá poidamos nutrir así os nosos equipos sénior. Outro punto clave é a organización de eventos: somos un club moi activo neste sentido, e mostra delo son os 8 campus que levamos organizados, e o primeiro torneo de rugby praia. De cara ao futuro, queremos darlle continuidade tanto aos campus coma ao rugby praia, e tamén nos gustaría organizar unha Concentración de Escolas de rugby na nosa vila. Por último, xa máis a nivel técnico, queremos continuar profesionalizando o club. No ano 2021 contratamos unha directora técnica, o que supuxo un salto de calidade na xestión deportiva da nosa entidade, pero a labor da maioría do monitorado é completamente altruísta. Sabemos do esforzo que isto implica, e por iso estamos a buscar o xeito de remuneralo.

E necesidades?

A nosa necesidade máis prioritaria é a de ter persoal con experiencia e formación en rugby, que poida dirixir grupos de adestramento tendo por obxectivo a promoción dos nosos valores (por riba do plano competitivo). É certo que temos un grupo de monitorado amplo e estable, pero de cara a medrar e aumentar as categorías, é necesario que o número de persoas adestradoras se incremente. Tamén precisamos de instalacións para levar a cabo todas as actividades que plantexamos. É certo que desde a creación do campo de herba artificial Evaristo Puentes Durán mellorou moitísimo a calidade dos nosos adestramentos, pero este campo non conta con servizos (vestiarios, baños, almacén, gradas...), o que sen dúbida afecta directamente á nosa organización.

Contan con axuda para manter o club activo?

Por suposto, e sen ela a día de hoxe non estaríamos aquí. A nivel de recursos humanos temos un gran grupo de monitorado e persoal voluntario que nos bota unha man tanto nos adestramentos, como nos partidos e nos eventos que organizamos. A nivel económico, contamos con financiación pública (Concello de As Pontes e Deporte Galego), e tamén con financiación privada.

Nesta última destacan Alvac, S.A. e Grupo Servicio Móvil, que se converteron nos nosos principais aliados desde a posta en marcha da Escola. Ademais, o apoio loxístico de Macron Store A Coruña e a colaboración doutras entidades (como o Departamento de Turismo e o de Cultura das Pontes, o CD As Pontes e o Grupo Empresa Endesa, entre outras) e de moitos establecementos locais son pilares fundamentais para o desenvolvemento da nosa actividade.

Que nos pode dicir da afección?

Pois é un gustazo ver que cada domingo se achega máis xente ao campo para desfrutar dos nosos partidos e do bo ambiente. Hai de todo: desde xente das Pontes sen vínculos concretos co clube pero que lle gusta o rugby de toda a vida ata nais e pais que veñen aos partidos para ver se se enteran de como vai o tema. A verdade é que o rugby é un deporte que se ve pouco, e nos primeiro momentos é difícil de entender. Por iso sempre tentamos que a xente máis veterana explique as xogadas á xente máis novata, e convidamos a todo o mundo a participar nas nosas tocatas porque cremos que é a mellor forma de comprender o que pasa no campo.

Que lles diría a aquelas persoas que teñen algún interese polo rugby?

Simplemente animar a todas as persoas, independentemente da idade, condición física ou xénero, a achegarse ao noso clube e a probar o rugby. Como dicíamos, no CR Fendetestas, e na nosa familia verde, hai un rol para que cada persoa se sinta a gusto: como xogadora, como voluntaria, como siareira, como delegada, como adestradora... O importante é sumar!

0.076791048049927