Entrevista: "Somos un club pequeniño e familiar e todos temos ese sentimento de pertenza"
David Pena Roibás é adestrador do primeiro equipo do Concello de Begonte FS e tamén coodinador da base.
Cando naceu o club e que percorrido tivo nestes anos?
O Concello de Begonte FS nace no ano 2012 competindo naquel entonces cun equipo na chamada Liga Provincial (agora 1ª Autonómica). Era un grupo de amigos no que se buscaba simplemente facer algo de deporte, xuntarse e desfrutar. Pero pouco a pouco os resultados foron acompañando e o equipo ascendeu á categoría galega, a Preferente Galicia onde botou varios anos acadando a permanencia.
Na tempada 2015/2016 levouse a cabo un cambio a nivel de corpo técnico, xogadores e directiva e o equipo acadou o segundo posto en liga que non lle foi suficiente para obter o ascenso á categoría nacional (por aquel entonces ninguén o tiña en mente) pero si logrou a clasificación por primeira vez na historia do club para disputar a Copa Xunta de Galicia.
O salto definitivo produciuse na tempada 2016/2017 na que se incorporan á estructura do club a sección de fútbol sala das Escolas Deportivas Municipais do Concello de Begonte. Isto permitiu incorporar varios equipos seguindo unha mesma metodoloxía de adestramentos co obxectivo de nutrir no futuro ó equipo sénior de xogadores da base, e funcionou, xa que na tempada seguinte, na 2017/2018 conseguiuse o ascenso á Terceira División Nacional cun papel importante destes rapaces que subían das categorías inferiores.
Na tempada 2016/2017 incorporouse ó club a sección feminina, competindo por aquel entonces na Liga Provincial. A tempada 2017/2018, ademais do ascenso de categoría do equipo sénior masculino, trouxo tamén a participación en Liga Galega por primeira vez do equipo xuvenil acadando a permanencia.
Despois de varias tempadas nas que se seguiu traballando para medrar, a tempada 2020/2021 foi a de maior importancia a nivel competitivo do club. O sénior masculino acadou o segundo posto en liga e disputou o Play Off de ascenso á 2ª División B por primeira vez na súa curta historia, o equipo senior feminino competiu tamén por primeira vez na Liga Preferente Feminina e o equipo xuvenil disputou a Liga Nacional Xuvenil.
Este ano o sénior masculino segue a competir en Terceira División Nacional, o senior feminino en Liga Preferente e o xuvenil en Liga Galega xuvenil.
De que logros se sinten máis orgullosos?
Se respondo a nivel persoal diríache que me sinto orgulloso de todo o que, co traballo de moita xente e co traballo dos adestradores e adestradoras da base, se construíu ó redor do Concello de Begonte Fútbol Sala. Conseguimos poñer o nome de Begonte no mapa a nivel deportivo e somos un club que está en crecemento. Somos un concello pequeno no que o trato é moi cercano, o día a día e a relación persoal cos pais, nais e familiares dos nenos e nenas é continua e iso fainos ser diferentes. Somos unha pequena familia.
Cantos equipos e cantos xogadores e de que categorías tedes actualmente?
Na actualidade contamos con 13 equipos. Un equipo biberón, un prebenxamín, un benxamín, dous alevíns, dous infantís, un cadete, un xuvenil, dous sénior femininos e dous sénior masculinos. Movemos ó redor de 120 persoas.
Temos varios equipos competindo a nivel galego, outros a nivel local e outros a nivel escolar ademais do sénior masculino que compite a nivel nacional.
"Este ano o sénior masculino segue a competir en Terceira División Nacional, o senior feminino en Liga Preferente e o xuvenil en Liga Galega xuvenil"
Que valoración fai da tempada? Que obxectivos hai?
Despois de todo o que pasamos coa covid-19 a valoración ten que ser positiva. Tivemos varios gromos e por sorte ningún deles foi grave nin para xogadores/as nin para as súas familias. Isto é o que temos que valorar como positivo xa que é o realmente importante.
Se falamos a nivel deportivo temos que diferenciar os equipos de base dos equipos sénior. A valoración dos equipos de base é moi positiva xa que os nenos e nenas conseguiron entender que por encima dos resultados está a formación, é o que nós queremos primar e non nos importa perder xa que á larga, gañamos. Conseguir que se entenda isto é moi complicado, a veces tamén para os propios pais e nais, a todos gústanos gañar.
Se falamos dos equipos sénior a valoración tamén é positiva, o feminino ten o obxectivo da permanencia e están en boa situación para conseguilo e o masculino, co mesmo obxectivo atópase na parte media-alta da clasificación co cal non podemos estar máis contentos. Temos que seguir traballando.
O Concello de Begonte é un club cun gran calado social na vila. Como se consegue iso?
Sempre conto a mesma anécdota. Alá polo 2015 cando dirixín o primeiro partido do sénior masculino contaba 10 persoas na grada, todas elas familiares dos xogadores. Hoxe en día en cada partido do sénior masculino ou do feminino enchemos o pavillón. Como che dicía antes somos un club pequeniño e familiar, todos somos coñecidos e todos temos ese sentimento de pertenza. Da gusto ver os nenos e nenas das nosas categorías inferiores desfrutando dos partidos ou cando lles preguntas de que equipo son e che din: do Begonte!!
A xente enganchouse ó club porque o club traballa moito e ben para que todo saia o mellor posible e aínda que sempre se poden mellorar cousas, hai que felicitar a moita xente que está en segundo plano adicando horas da súa vida sen obter ningún beneficio económico.
"Síntome orgulloso de todo o que, co traballo de moita xente e co traballo dos adestradores e adestradoras da base, se construíu ó redor do Concello de Begonte Fútbol Sala"
"Os nenos e nenas conseguiron entender que por encima dos resultados está a formación, é o que nós queremos primar, e non nos importa perder xa que á larga, gañamos"
Cales son os proxectos máis inmediatos de futuro?
O primeiro proxecto ten que ser seguir mantendo o que hai na actualidade porque chegar ata aquí costou moitas horas, moito esforzo e moito traballo. Antes de seguir medrando, que tamén é importante, temos que garantizar ese traballo de base que é o que nos dará o futuro.
Outros proxectos que tiñamos na recámara e que por mor da pandemia tivemos que paralizar é levar a cabo unhas xornadas formativas para adestradores e adestradoras en formato clinic ou similar ademais de un evento para porteiros e porteiras e algunha que outra novidade que queremos implementar na escola.
E necesidades?
A reforma do Pavillón Municipal de Baamonde é unha necesidade na que o Concello de Begonte xa está a traballar para poder resolver os problemas que temos de goteiras, condensación na pista, ampliación da zona de grada e construcción de dous novos vestiarios entre outras cousas, pero arranxar todo isto é unha operación cun custe moi elevado. Necesitamos que se impliquen outras institucións para poder levar a cabo esta reforma.
Contan con axuda para manter o club activo?
Do contrario sería imposible. Temos que agradecer a todos os patrocinadores que temos o esforzo que para eles supón axudarnos coa súa aportación económica nesta época tan complicada, ó Concello de Begonte polo seu apoio incondicional en todo o que facemos e ofrecemos e como non, a toda a xente que como dicía antes, traballa dende a sombra para que todo saia ben.
"Viaxar por Galicia e sentirte como na casa é incrible, os afeccionados tiran do equipo en momentos complicados dos partidos, colaboran co club pagando o seu carné de socio/a, nunca nos reprocharon nada e sempre nos apoiaron, son a parte fundamental da familia do Concello de Begonte FS"
Que nos pode dicir da afección?
Pódoche dicir moitas cousas e todas elas boas. Persoalmente sempre me trataron con moito cariño, pero tamén ós xogadores e xogadoras do club. Viaxar por Galicia e sentirte como na casa é incrible, tiran do equipo en momentos complicados dos partidos, colaboran co club pagando o seu carné de socio/a, nunca nos reprocharon nada e sempre nos apoiaron, son a parte fundamental da familia do Concello de Begonte FS.
Notaron un crecemento na afiliación nas bases?
No último ano coa pandemia estancámonos un pouco pero creo que é común en todos os sitios. Nos vindeiros anos seguramente volvamos á normalidade e pouco a pouco seguiremos medrando, seguro.
Ademais da competición programan outra serie de actividades. De cales se trata?
Si, ata o de agora levamos a cabo varios torneos en épocas como o nadal, entroido, semana santa, etc. que tivemos paralizados nos últimos tempos polo tema da pandemia, pero que retomaremos seguro en canto se poida pero a actividade estrela é o Campus Mixto de Fútbol Sala e Campamento de Verán que organizamos tódolos anos.
Este ano alcanzaremos a quinta edición e cada ano contamos con máis demanda de prazas. É unha actividade que se realiza a primeira quincena de xullo e facemos moitas actividades de ocio e tempo libre, facemos excursións, imos á praia, facemos surf, talleres, xogos... e contamos coa visita de moitos xogadores, xogadoras e adestradores profesionais de fútbol sala.
Que destacaría de positivo e negativo deste deporte?
Deste ou de calquera deporte soamente podería dicir cousas positivas. Ademais dos beneficios físicos que nos aporta, os valores que se inculcan, os hábitos de hixiene, as relacións sociais, etc. consolidan un papel moi importante.
Por dicir algo negativo, e algo común a todos os deportes, sería o exceso de fanatismo que a veces acontece nas gradas dos pavillóns. É algo que debemos eliminar e entender que todos formamos parte da mesma festa.