ENTREVISTA: “Unha vez na illa atopamos moitas máis razóns para que fose o noso escenario”
Pepe Coira fala do seu traballo en Hierro, a exitosa serie de Movistar+ que creou xunto ao seu irmán Jorge.
O pasado mes Movistar+ estreou a segunda tempada da serie Hierro, obra de Pepe e Jorge Coira, dous irmáns nacidos en Rábade que levaban anos fraguando a produción deste drama. Malia o éxito colleitado coa súa primeira tempada, coa que obtiveron dous premios Ondas, dous Premios Feroz e catro Premios Mestre Mateo, entre moitos máis, os irmáns decidiron que esta sería a despedida. Pepe, guionista, comezou a súa andaina no mundo da ficción “porque non vía outra cousa mellor á que dedicarse que non fose o cine”. Iniciouse como crítico, traballou para a Xunta e foi director do Centro Galego de Artes da Imaxe. Está detrás de moitos dos guións da TVG e exerce coma docente.
Como está sendo a acollida da segunda tempada de Hierro?
Parece que ben, en xeral os comentarios son positivos. Eu todo o que escoito é de xente á que lle está gustando. Unha segunda tempada podería ser decepcionante porque xéranse expectativas, pero parece que esta funcionando. Estamos contentos co desenrolo da historia, sempre pode haber cousas que se poderían mellorar, pero en termos xerais estamos contentos.
Xa anunciastes que non habería máis tempadas da serie.
Esa foi unha decisión tomada coa cadea e coas produtoras, parecería difícil atopar unha terceira historia que puidese ocorrer nun lugar tan pequeno e normalmente tan tranquilo como El Hierro. Non tería sentido que estivesen sucedendo cada pouco asasinatos. Víamos difícil continuar cunha historia que enlazase eses dous protagonistas que son Candela e Díaz. Parecíanos forzar as cousas nunha serie que quere ser natural, faríase artificioso e preferimos pasar e deixalo nun bo sitio.
Foi difícil traballar coa pandemia?
Si, presentou dificultade. Pillounos o confinamento gravando e interrompeuse a rodaxe durante tres meses. Para min como guionista foi bo porque deume algo máis de tempo para acabar de escribir. Foi complicado poder retomar a gravación, había unha loxística complicada. Xogou ao noso favor estar nun lugar tan especial como El Hierro que é moi controlable e podíase facer unha burbulla para a rodaxe, grazas ao que puidemos rodar todo o que queríamos. É moi de agradecer o esforzo que fai a xente por seguir facendo cousas e que o mundo non se pare.
Por que a illa de El Hierro?
Necesitabamos atopar un lugar que parecese o derradeiro lugar, unha fin do mundo, un lugar ao que envían a unha xuíza á que queren enviar lonxe. É un sitio polo que non se pasa camiño a outros lugares, senón que chegas alí e se queres continuar tes que dar volta. Tiña ese carácter, era o antigo meridiano cero, é o punto máis occidental e o xulgado de Valverde é o que queda máis lonxe de Madrid. Todas esas eran as razóns que nos levaban a El Hierro ignorando moito sobre a illa. Unha vez alí atopamos moitas máis razóns para que fose o noso escenario. As nosas premisas eran equivocadas, nós pensabamos que a relación co mar sería estreita, coma en Galicia, pero é diferente, a súa vida facíase de costas ao mar, o traballo tradicional foi a agricultura e a gandería, non a pesca. Pensabamos que a xente usaría as súas propias embarcacións para moverse e dixéronnos que nada de iso.
Como foi a experiencia con Movistar+?
Unha plataforma como Movistar+ busca un tipo de series que normalmente a televisión en aberto evita. Nos levabamos moitos anos intentando producir series en España e non o conseguiamos ata que Movistar+ cambiou o terreo de xogo e comezou a producir series diferentes. Outra diferencia é que pretenden poñer moi no centro os aspectos máis creativos da ficción. A televisión tal como a concibiamos tradicionalmente rompeu todas as súas costuras é hoxe en día o que fan as cadeas ten outro papel, a ficción na televisión en aberto é a estrea de algo que logo vai poder continuar sendo vista doutras maneiras.
Como estás a vivir o éxito da serie?
Por un lado é unha recompensa moi agradable, pero eu tómomo con certa distancia. Cando un traballo que fas resulta indiferente o aceptas con certa distancia e non te afondas por iso, segues traballando. Pois no caso contrario tamén . Non sei quen dicía que o éxito e o fracaso son dous farsantes, algo diso hai... Dito isto, por suposto que para nós foi unha alegría e nos da máis oportunidades profesionalmente. É moi bonito cando alguén a quen valoras conecta.
Como é o día a día co teu irmán?
É moi cómodo traballar con él, nos coñecemos moi ben e temos toda a confianza. As discusións son discusións que non teñen consecuencias, resulta un traballo dende a máxima complicidade que é o que máis apetece. É moi fácil e complementámonos. As nosas diferencias axúdannos, eu ao mellor nunha cousa tiro para un lado e él para outro, pero sempre atopamos algo novo no medio.
Tedes novos proxectos xuntos?
Jorge agora está preparando unha longametraxe na que eu non interveño. Estamos con proxectos de televisión e coa nosa produtora Ollo Vivo, que montamos con Gaspar Broullón, ca cal estamos rematando un proxecto ao que lle temos moito cariño e tardamos anos en sacar adiante, un documental sobre Xosé Manuel Beiras que se chamará Beiras: Vivir Dúas Veces. Contamos con que nos vindeiros meses este rematado, é un traballo que nos apetecía moito facer. Tamén arrincaremos axiña a produción unha nova tempada de Cos pes na terra, un programa que eu fago para TVG e que a min me ilusiona moito.