Os veciños de Mondoñedo reciben unha guía do comercio local

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
19 Nov 2019

O comercio e a industria local son pezas fundamentais no desenvolvemento económico dos concellos. O goberno municipal de Mondoñedo, presidido por Elena Candia, consciente da relevancia do comercio local, impulsa distintas iniciativas para promocionalo. En colaboración con Aciam, presidida por Ángel Marful, distribúe a todos os domicilios exemplares da Guía do Comercio Local de Mondoñedo.

Esta publicación impulsada polo Concello e Aciam ten 48 páxinas. Nelas figuran os nomes, enderezos e teléfonos de máis de 300 establecementos, agrupados en 36 actividades. Esta publicación estivo exposta ao público co obxectivo de que fora posible corrixir erros.

Esta iniciativa forma parte da política de promoción do comercio local que leva adiante o goberno local presidido por Elena Candia. Desde o Concello destácase a importancia do comercio para a economía local e, polo tanto, a importancia de mercar nestes establecementos, que xeran emprego e tributan no Concello de Mondoñedo. Igualmente, tanto desde o consistorio como desde a Aciam resáltase a ampla oferta que ofrece o comercio mindoniense, do que é boa mostra que nesta guía figuran máis de trescentas referencias de establecementos.

A Guía do Comercio Local insírese nas medidas que con carácter xeral se levan a cabo en numerosas cidades e vilas. É un feito que o comercio local ofrece vantaxes relevantes sobre o gran comercio. A primeira delas é que produce máis ingresos, emprego e aportacións á comunidade que as grandes superficies. Está comprobado que, a igual nivel de gasto, quedan moitos máis cartos para a comunidade do comercio local que das grandes superficies. Ademais o comercio local utiliza con máis frecuencia servizos de empresas locais. O comercio de proximidade axuda a crear sentido de comunidade e favorece a diversidade económica. A maiores, síntese máis responsable diante da comunidade da que forma parte. E por último, pero moi relevante, require menos transporte e, polo tanto, xera menos contaminación.

0.16727614402771