Equipos da Terra Chá participan esta fin de semana nas finais provinciais de fútbol sala de base
Quiroga e Castro de Rei acollen esta fin de semana as finais de fútbol sala do programa de deporte escolar Xogade, que promove a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que o fútbol sala é unha das modalidades con maior participación de entre a vintena de disciplinas deportivas que ofrece Xogade, unha iniciativa que pretende involucrar na práctica deportiva aos nenos e nenas para que adquiran valores positivos e hábitos saudables.
O programa, que avanza co curso escolar, péchase esta fin de semana con estas competicións ás que concorrerán en torno a 120 xogadores das distintas categorías. Así, o sábado, no pavillón municipal de Quiroga disputaranse a partir das 10.00 horas os partidos de semifinais e final de alevín e benxamín. Os equipos que xogarán as semifinais en alevín son a Escola Deportiva de Quiroga, o Lumieira de Lugo, Santiago de Foz e Lugo Sala. A final disputarase ás 18.00 horas.
En benxamín xogarán as semifinais os equipos das Escolas Deportivas de Guitiriz, o Ribeira FS e o CP Casás de Lugo, e as Escolas Deportivas de Lourenzá. A final disputarase ás 19.00 horas.
O domingo terá lugar no pavillón municipal de Castro de Rei a final de infantil, na que participan as Escolas Deportivas de Guitiriz, o ACD Xove, o Lumieira Lugo e o equipo de fútbol sala de Outeiro de Rei. Os partidos comezarán ás 11.30 horas e a final disputarase ás 17.00 horas.