Equipos da UDC e de Narón gañan a carreira Greenpower das Pontes

O equipo EPEF Racing Team II da Universidade da Coruña (UDC) e o TT Racing Narón do IES As Telleiras e do IES Terra de Trasancos de Narón (A Coruña) gañan a II Carreira Greenpower Galicia na categoría F24+, de 16 a 25 anos, e na F24, de 11 a 16 anos, respectivamente. O campionato, organizado pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), baixo o paraugas do Campus Industrial da UDC e en colaboración coa Escudaría As Pontes Motorsport, reuniu, este mércores 18 de xuño, no circuíto de karting das Pontes, a 10 equipos de Galicia e de Asturias.
O obxectivo desta carreira era o de percorrer a maior distancia posible, ou o que é o mesmo, dar o maior número de voltas ao circuíto, usando un único par de baterías eléctricas sen a posibilidade de recargalas ou de cambialas durante o percorrido. Para iso, o estudantado de ESO, de Bacharelato, de FP e de universidade participante puido usar un vehículo eléctrico construído a partires dun kit básico proporcionado por Greenpower Iberia no que se inclúen as rodas, os eixos dianteiro e traseiro, o chasis, o motor, así como un par de baterías, ou competir cun coche creado “desde cero”. Deste xeito, non gaña o equipo máis rápido senón aquel que conduce do xeito máis eficiente e sustentable posible.
Os equipos participantes na categoría F24, de 11 a 16 anos, tiveron que superar unha proba de resistencia de 90 minutos de duración cambiando de condutor ou condutora, de xeito obrigatorio, nalgún momento da proba. Pola súa banda, aos equipos participantes na categoría F24+, de 16 a 25 anos, tocoulles superar dúas probas de resistencia de 60 minutos de duración sen a obriga de mudar de condutor ou condutora do vehículo en ningún momento do percorrido.
A primeira hora da mañá tivo lugar o acto de inauguración desta II Carreira Greenpower Galicia no que participaron o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás; o alcalde do Concello das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o concelleiro de Xuventude de Ferrol, Arán López Martínez, e o representante de Greenpower Iberia, Paul Riley.
Un ano máis, colaboran nesta iniciativa, a Deputación da Coruña, o Concello de Ferrol, o Concello das Pontes, a Real Federación Española de Automobilismo, Greenpower Iberia, o grupo Intaf, o concesionario Renault Caetano Fórmula Galicia e a Carpintería Madesa das Pontes xunto con Supermercados Gadis.
Podio – Categoría F24 (de 11 a 16 anos)
- Primeiro Premio – TT Racing Narón, do IES As Telleiras + IES Terra de Trasancos (Narón, A Coruña)
- Segundo Premio – IES Concepción Arenal, do IES Concepción Arenal (Ferrol, A Coruña)
- Terceiro Premio – CidercarNava, do IES Peñamayor (Nava, Asturias)
Podio – Categoría F24+ (de 16 a 25 anos)
- Primeiro Premio – EPEF Racing Team II, da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC) (Ferrol, A Coruña)
- Segundo Premio – Kastro Sport Team, do IES Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña)
- Terceiro Premio – EPEF Racing Team, da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC) (Ferrol, A Coruña)
Best Engineered Car – AUTOMOCIÓN FERROLTERRA, do CIFP Ferrolterra (Ferrol, A Coruña)
Best Engineered Kit Car – Abrente Gp, do IES O Ribeiro (Ribadavia, Ourense)
Best Bodywork – CidercarNavia, do IES Peñamayor (Nava, Asturias)