“Esas dúas horas de ensaio son como unha desconexión”

TerraChaXa
Arranca o grupo de Teatro Xatá, unha iniciativa aberta á participación
grupo-de-teatro-xata-1
19 Oct 2025

Cando naceu e como xurdiu a idea?

A idea xurdiu a través da Asociación de Mulleres Rurais da Pastoriza e dunha inquedanza persoal da súa vicepresidenta por devolver o gusto polo teatro á Pastoriza, posto que hai anos xa existira un grupo teatral no municipio, “Zampalladas”, que fora todo un éxito na contorna.

Cantos están nesta iniciativa?

Na edición pasada do curso fomos trece integrantes. Aínda que se ofertou un grupo infantil, non foi posible chegar ao número mínimo de participantes necesario, polo que os nenos e nenas que estaban anotados integráronse no grupo de adultos, achegando unha visión nova e fresca. Contamos con xente de idades moi variadas: desde a máis pequena, de 11 anos, ata os veteranos que xa están en idade de xubilación. A maioría somos mulleres, pero tamén temos algún ousado participante masculino que se animou a acompañarnos nesta aventura. Unha gran parte pertencemos á Pastoriza, pero tamén se incorporou xente doutros concellos da contorna, como Meira ou Cospeito, que foron moi ben acollidos polo grupo e que enriquecen moito o conxunto.

Fálenos un pouco do director: quen é e como chega ata o grupo?

A dirección do grupo corre a cargo de Guillermo Cancelo, de Miolo Produccións S.C., un gran actor e director teatral que chegou á Pastoriza da man de Sandra, unha das nosas integrantes, que xa traballara con el nun grupo de teatro que se estaba a formar na parroquia de Muimenta xusto antes da pandemia.

Cando e onde ensaian?

Xuntámonos os luns, de 20:30 a 22:30 horas, no salón de actos do Concello da Pastoriza.

Creo que xa estrearon. Como foi?

O estreo foi no mes de xullo e xogamos na casa, xa que se realizou no mesmo local onde ensaiamos. A xente respondeu moi ben á nosa chamada para vir pasar un ratiño divertido e gozar da maxia do teatro. De feito, completamos o aforo e incluso nos comentaron que houbo xente que tivo que marchar sen poder ver a actuación. Como era a primeira vez que moitos de nós nos subiamos a un escenario, decidimos apostar polo microteatro e representamos catro adaptacións propostas polo noso director, Guillermo. Comezamos coas máis novas da agrupación, que levaron á escena unha adaptación de “Orgull de Estambul”. Despois subiron os veteranos cunha desternillante versión de “Pésame (mucho)”. A terceira peza foi “Aquela rúa”, interpretada por tres das nosas compañeiras, que lle deron un punto cómico e moi divertido. Por último, pechamos cun clásico: “Picnic”, de Fernando Arrabal.

Cal é a próxima actuación?

Tras o gran éxito acadado na Pastoriza, repetimos actuación en Meira, conseguindo de novo o aforo completo. Despois fixemos un pequeno parón estival para recobrar folgos e agora estamos pendentes de concretar unha nova data, xa que fomos invitados pola Asociación de Veciños de Reigosa a participar nas súas “Noites de Teatro”.

Como se escolleu o nome?

O tema do nome foi algo complexo de decidir. Nun principio propuxéronse varias ideas e levámolas a votación, pero ningunha acababa de convencernos. Pasaron varias semanas e víñasenos o tempo enriba coa estrea e coa publicidade do evento. Foi entón cando unha das compañeiras dixo: Xatá! Non lle imos dar máis voltas! Así naceu a Agrupación Teatral Xatá, como un guiño á Pastoriza —terra de xatas— e tamén como unha alegoría á dificultade de atopar un nome que nos representase a todos.

Cales son os proxectos máis inmediatos de futuro?

Imos comezar unha nova tempada e estamos abertos a novas incorporacións. Se a alguén lle gusta o mundo da interpretación e quere probar, ten as portas abertas para vir participar e decidir se quere quedarse. Voltamos con enerxías renovadas, ensaiando as representacións que xa levamos á escena e preparando outras novas. Tamén estamos valorando a posibilidade de constituírnos como agrupación oficial para poder formar parte do circuíto de teatro da Deputación e levar as nosas obras por toda a provincia de Lugo.

Que necesidades teñen?

A principal necesidade é económica, xa que somos nós mesmos quen sufragamos os gastos de vestiario, atrezzo e tamén o custo do curso.

Contan con axuda para manter o grupo activo?

Si, contamos coa axuda da Asociación de Mulleres Rurais da Pastoriza, que nos fixo unha achega económica para a compra de material e tamén aplica un desconto na cota mensual que achegamos os integrantes do grupo.

Que beneficios achega o teatro?

Esas dúas horas que pasamos nos ensaios son unha verdadeira desconexión do día a día. Axúdannos a esquecer os problemas e a liberar emocións, porque o teatro é iso: sensacións e emocións.

Creo que tamén queredes sacar un grupo infantil. Como vai esa iniciativa?

Por agora temos poucos anotados, pero estamos seguros de que, unha vez comece o curso, o boca a boca fará que máis nenos e nenas se animen a probar. Seguro que axiña o gusanillo da interpretación tamén chega aos máis pequenos.

⚙ Configurar cookies
0.066540956497192