Escolares de Cervo plantaron árbores autóctonas na parcela das Quintas, a carón da depuradora

TerraChaXa | AMariñaXa
O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, organizou, en colaboración coa Fundación Alcoa, unha xornada de plantación de árbores autóctonas na que participaron medio cento de escolares do IES Marqués de Sargadelos.
29 Mar 2019

O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, organizou, en colaboración coa Fundación Alcoa, unha xornada de plantación de árbores autóctonas na que participaron medio cento de escolares do IES Marqués de Sargadelos.

O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, acompañados por Hilda Rubal, en representación de Alcoa, e por Xosé Manuel Rubal, director do centro, participaron co alumnado nunha actividade que se desenvolveu nunha finca municipal de 2,3 hectáreas situada nas inmediacións da depuradora de Cervo, coñecida como As Quintas.

Tal e como apuntaron, a rapazada participou na plantación de 200 árbores (bidueiras, carballos, salgueiros…). Unha iniciativa didáctica coa que “pretendemos seguir a incidir e concienciar sobre a importancia do coidado dos bosques a través dunha clase teórico-práctica na que adquiriron nocións básicas sobre o aproveitamento produtivo dos nosos montes”.

O rexedor recordou que a plantación de árbores autóctonas forma parte da nosa política forestal dende o primeiro intre, así, nos últimos dez anos levamos plantadas máis de 10.000 árbores produtivas en máis de 25 hectáreas de monte municipal e comunal; e seguiremos a traballar nesta mesma liña “co obxectivo de deixarlles ás xeracións vindeiras un legado baseado nos bosques autóctonos, no tan habituais a día de hoxe, e amosarlles que poden chegar a converterse, incluso, nun medio de vida no seu futuro”.

0.1626238822937