Escolares de Cospeito elaboran un mural con pinturas anticontaminantes

Afundación levou o seu proxecto Plantando árbores con pinceis ao CPI Virxe do Monte de Cospeito, onde máis de oitenta rapaces e rapazas elaboraron un mural con pinturas fotocatalíticas anticontaminantes. O artista David Brey, de Vella Escola, foi o encargado de dirixir a creación da obra nun dos muros do centro educativo. Durante a mañá, os escolares decoraron tamén bolsas de tea con pinturas ecolóxicas. A iniciativa enmárcase no programa da Obra Social de Abanca «Educación para a sostibilidade», que obtivo en 2024 o premio nacional de Medio Ambiente de CECA.
En Plantando árbores con pinceis o alumnado aprende que o uso deste tipo de pigmentos é útil dado o seu poder de absorción dos gases contaminantes derivados do tráfico e das industrias, fomentando a creación de espazos escolares ecoloxicamente máis depurados grazas á implicación das mozas e mozos do centro. Unha innovadora proposta que ten como obxectivo achegar ao estudantado unha mensaxe positiva sobre o coidado da contorna, propoñendo alternativas de lecer que fomentan o respecto ao medio natural a través da arte, cunha metodoloxía participativa e colaborativa.
O proxecto consiste en coordinar ao estudantado participante para realizar un mural, con estas pinturas e con temáticas relacionadas co medio ambiente, na parede que designe o centro escolar. A actividade complétase con talleres de pintado de bolsas de tea nos que se traballará a temática ambiental desde un enfoque participativo, o que facilita a toma de conciencia sobre a importancia de coidar da natureza.
Desde que se iniciou o proxecto en 2021 e, unha vez finalice esta nova edición, máis de 17000 escolares e docentes pintarían máis de 175 murais en centros educativos de toda Galicia.