Escolares de educación infantil, primaria e especial comezan este luns o curso 2017/18
O vindeiro luns 11 de setembro comezarán en Galicia as clases nos ciclos de infantil, primaria e educación especial para 197.364 escolares, o que supón un 0,7% menos ca no curso 2016/17, segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Neste sentido cómpre lembrar que as cifras de matriculación poden ir mudando ao longo do curso escolar.
Segundo estimacións da Xunta de Galicia, 60.339 alumnos comezarán o luns 11 de setembro nas aulas de educación infantil, o que supón un 2,4 % menos ca no curso 2016/17. Serán 42.106 alumnos e alumnas en centros públicos, 16.842 alumnos e alumnas en centros concertados e 1.391 alumnos e alumnas en centros privados.
Por outra banda, as mesmas previsións que manexa a Consellería indican que 137.022 alumnos tamén comezaran o luns as clases de educación primaria en Galicia, o que supón practicamente a mesma cifra ca no curso anterior. No caso da provincia de Lugo serán 10.022 alumnos e alumnas en centros públicos, 3.410 alumnos e alumnas en centros concertados e 256 alumnos e alumnas en centros privados non concertados.
No que atinxe á educación especial, o número estimado de matriculados para este curso é de 1394, un 0,6 % máis ca no 2016/17. En Lugo serán 106 alumnos e alumnas en centros públicos e 7 alumnos e alumnas en centros privados con concerto.
Centros escolares e docentes
Os centros que desde o 11 de setembro impartirán ensinanzas de educación infantil e primaria e educación especial na provincia de Lugo son 121: 4 de educación infantil, 89 de educación infantil e primaria, 26 de educación primaria e ESO e 2 de educación especial.
No referido ao número de unidades concertadas, este ano será dun total de 2638. En concreto, nas etapas de infantil, primaria e educación especial haberá 16 unidades concertadas máis ca no curso anterior, debido ás necesidades de escolarización das diferentes zonas.
No referido ao profesorado, os datos estimados, a falta de que se realicen as pertinentes contratacións de interinos e substitutos para cubrir as necesidades puntuais que se presenten a inicio de curso, indican que o conxunto do sistema educativo galego público contará con 30.277 docentes.
Servizos complementarios
O mesmo día do comezo de curso escolar empezarán a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería, tras as modificacións oportunas que se realizan anualmente para o seu axuste ás necesidades actuais.
Así, este ano, a falta de que se pechen as últimas autorizacións, o número estimado de prazas de comedor escolar será de 74.828, das cales 14.074 serían xestionadas por ANPAS ou Concellos, existindo tamén axudas –ou convenios de colaboración- da Consellería neste concepto para ambas as entidades. En total o departamento educativo da Xunta xestiona 434 comedores, deles 302 de forma directa e 132 de forma indirecta, (a través de empresas que serven menús con todos os estándares de calidade garantidos). Pola súa banda as ANPAS son responsables de 134 comedores e os Concellos de 42. Neste sentido, cómpre lembrar que a Consellería subvenciona os menús de 3787 comensais en 47 centros escolares dos Concellos de Ames, Betanzos, Cangas, Ferrol, Gondomar, Meaño, Mugardos, Muíños, Lugo, Santiago de Compostela e Sarria. Así mesmo a Consellería facilita subvencionar o servizo de comedor escolar a 436 alumnos de centros de educación especial non públicos.
No que atinxe ao transporte, prestarase servizo –segundo as estimacións provisionais- a 89.818 alumnas e alumnos de 774 centros públicos. Ademais, darase cobertura de transporte a 355 alumnos de centros de educación especial que non son públicos. Deste xeito Galicia volve ser a primeira Comunidade do Estado no referido ao volume que representa este servizo educativo complementario.