Escolares de Guitiriz asisten a unha exhibición cinolóxica
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, participou hoxe na exhibición cinolóxica que os profesionais do Campo de Manobras e Tiro de Parga realizaron aos alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe Lagostella, de Guitiriz, e do CEIP Plurilingüe Santo Estevo, de Parga. Esta demostración forma parte da programación de actividades que organiza o Goberno na provincia con motivo da celebración da Festa Nacional, o vindeiro 12 de outubro.
Durante a demostración Isabel Rodríguez, acompañada da alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, do tenente coronel do CMT de Parga, José Antonio Roldán, e dos directores dos centros educativos, destacou o traballo e a dedicación de centos de cans ao servizo do Exérxito que son de gran axuda para levar a cabo operativos e servizos esixentes, capaces de salvar vidas”. Nesta liña, a subdelegada explicou que coas novas formas de criminalidade os adestradores tiveron que adaptarse, potenciando a innovación e investigación de novos criterios de procura e detección con cans.
Na exhibición celebrada este venres en Parga participaron un total de 6 cans dos equipos antidrogas, explosivos e defensa pertencentes á Cuarta Subinspección Xeneral do Exército Noroeste, integrada por profesionais de Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria e País Vasco.