Escolares de Lugo, Cospeito, Navia de Suarna e Alfoz gañan o concurso contra a violencia de xénero

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade xa fallou os premios de creación gráfica e audiovisual do concurso convocado polo 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero.
violencia de xenero
15 Nov 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade xa fallou os premios de creación gráfica e audiovisual do concurso convocado polo 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero. As propostas individuais e colectivas deste ano destacaron pola súa orixinalidade e reflexión, primando as mensaxes de concienciación e prevención. Escolares da Coruña, Padrón, Lugo, Navia de Suarna e Salceda de Caselas resultaron primeiros nas diferentes categorías, nas que tamén foron recoñecidas pezas gráficas e audiovisuais de centros de Pontevedra, Nigrán, Chapela, Cospeito e Alfoz.

No certame foi gañador na 1ª categoría de imaxe gráfica -para 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e educación especial- unha alumna de 1º da ESO do colexio Montesol, de Salceda de Caselas, polo seu traballo Deixa aflorar a túa cara máis brava. Plántate! Mentres, o segundo premio recaeu noutra rapaza -neste caso- de 2ª da ESO do IES Luis Seoane, de Pontevedra, pola proposta Non teñas medo de ser quen es.
Na modalidade audiovisual desta mesma categoría, o xurado valorou como mellor traballo Que o teu espello sempre te devolva o teu sorriso, dun grupo de 2º da ESO do IES Camilo José Cela, de Padrón. O segundo premio foi para Que non te digan que non podes, de 5º e 6º de Primaria do CEIP de Laredo, en Chapela.

Na 2ª categoría -dirixida a 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, FP básica e de ciclos de grao medio e superior- o primeiro posto na modalidade de imaxe gráfica foi para unha alumna de 1º de Bacharelato do IES Ánxel Fole, en Lugo, polo seu traballo Cóntao... Todo cambiará. Concedéronse tamén un segundo premio, a un equipo de 4º da ESO do CPI Virxe do Monte, da localidade lucense de Cospeito, polo traballo Non toda a violencia é visible, pero en toda hai que actuar; e un accésit ao cartel dunha rapaza de 4º da ESO do IES Escolas Proval, do concello pontevedrés de Nigrán, co título A realidade ten dúas caras, non te deixes enganar polas apariencias.

Na modalidade audiovisual destes cursos, os recoñecementos foron para dúas propostas. O primeiro para NON es a súa cousa, dunha alumna de 4º da ESO do CPI plurilingüe do municipio lucense de Navia de Suarna. A prata foi para Sumemos contra a violencia de xénero, montaxe realizada por un grupo de 3º da ESO do IES Alfoz-Valadouro, do concello lucense de Alfoz.

O xurado estivo integrado por representantes da Secretaría Xeral da Igualdade, da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista. Recoñeceu a calidade técnica e creativa das propostas da presente convocatoria e tivo en conta na súa valoración a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte á violencia de xénero.

Con esta iniciativa, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pon en valor a reflexión sobre a violencia de xénero realizada no eido escolar co foco posto na prevención, na detección precoz, na intervención e no recoñecemento das novas violencias.

A entrega de premios terá lugar días antes do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero. Concretamente, o próximo luns 20 de novembro en Santiago de Compostela.

0.063813924789429