Escolares de Sarria e Vilalba gañan os primeiros premios #DigochoEu

TerraChaXa | SarriaXa
O CEIP Plurilingüe Antonio Fernández López do Oural, en Sarria, foi o terceiro clasificado nos premios #DígochoEu de Ouro da CRTVG.
premiados digochoeu television
15 Xuño 2022

O CEIP Plurilingüe Antonio Fernández López do Oural, en Sarria, foi o terceiro clasificado nos premios #DígochoEu de Ouro da CRTVG. Na gala de entrega destes galardóns, celebrada este martes pola tarde na Cidade da Cultura de Santiago, foron tamén galardoados o IES Virxe do Mar de Noia, co premio de Prata, e o CEIP Plurilingüe San Clemente de Caldas de Reis, co ouro.

A proposta do centro gañador do premio de Ouro, dotado con 2.000 euros, xira arredor das orquestras, a música e os concertos. Pola súa parte, o vídeo gañador do premio de Prata, con 1.000 euros, alude á creación audiovisual e ensina as palabras máis empregadas neste sector. E o premio de Bronce, dotado con 500 euros, foi para o vídeo dos nenos do Oural sobre a letra J na lingua galega.

Os dez vídeos finalistas foron gravados coa colaboración do equipo do #DígochoEu, que visitou cada centro escolar para que Esther Estévez participase na peza co alumnado e poden verse no YouTube da CRTVG. Nesta tarde de festa da lingua, o xurado outorgou tamén un premio especial ao vídeo presentado polo IES Basanta Silva de Vilalba, que supón 200 euros e a emisión do seu vídeo. Nos premios, a CRTVG conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de Gadis. Os dez vídeos finalistas levan 1.300.000 visualizacións nas canles dixitais.

A festa, que estivo conducida polos xornalistas Esther Estévez e Carlos Amado, reuniu arredor de 500 nenos e nenas de toda Galicia, alumnos dos centros finalistas, e contou coa actuación do grupo galego de rock Monoulious Dop.

O xurado desta primeira edición dos Premios #DígochoEu estivo composto por Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura; polo actor Adrián Castiñeiras e pola coñecida tiktoker e colaboradora da TVG Laura Franco. Os primeiros Premios #DígochoEu recibiron preto de 200 propostas de centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia.

 171.000 seguidores

#DígochoEu é un proxecto da CRTVG para achegar o galego dunha forma dinámica e entretida a todo o mundo e, sobre todo, aos máis novos. Emite, desde xaneiro de 2020, un capítulo diario para a mellora do galego desde a televisión e as redes sociais da canle pública. Pode seguirse na web crtvg.ga e nas redes sociais, onde xa ten máis de 171.000 seguidores. Ademais, os vídeos co cancelo #DígochoEu superan os 50 millóns de visualizacións en TikTok.

Neste 2022, #DígochoEu acadou o premio Mestre Mateo ao mellor programa de televisión, e Esther Estévez, a súa presentadora, foi recoñecida como mellor comunicadora de televisión.

0.18894505500793