Escolares do Insua Bermúdez visitaron o Concello de Vilalba
O Concello de Vilalba recibiu a visita do alumnado de 2º de Educación Primaria do CEIP Antonio Insua Bermúdez. A rapazada tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as dependencias municipais.
O centro solicitou a visita para completar a explicación sobre as institucións públicas. Na escola, o alumnado está aprendendo o funcionamento dos concellos, as diferenzas entre as entidades públicas e as tarefas que realizan.
Durante a visita, a alcaldesa, Elba Veleiro, e a concelleira de Educación, Antía Rama, ensináronlle á clase o edificio municipal. Ademais, explicáronlle á rapazada as funcións dos departamentos do concello e simularon un Pleno coa participación dos cativos e cativas. Por último, o alumnado recibiu un pequeno detalle pola súa implicación.
Dende o Concello de Vilalba agradecen a súa participación ao alumnado e ao profesorado do centro. Destacan ademais o interese e o entusiasmo dos pequenos e pequenas na actividade.