Escollidos os gañadores da excelencia turística e gastronómica da Deputación

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Foron distinguidas o programa de actividades Descubrir Quiroga, a Queima das fachas de Taboada, a Foliada da Fonsagrada, a Feira do Queixo do Cebreiro, Feira da Tenreira de Láncara e Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense
consello-de-turismo-deputacion
12 Sep 2025

A Vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este venres no Pazo de San Marcos a sesión deste órgano participativo e consultivo na que se fallaron os sextos premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia.

Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, o xurado distinguiu ao programa de actividades Descubrir Quiroga, a festa da Queima das fachas de Taboada e tamén á Foliada da Fonsagrada; na de ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañaron a Feira do Queixo do Cebreiro e a Feira Degustación da Tenreira de Láncara. Pola súa banda, Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense foi a recoñecida polo seu traballo ao Turismo Sostible e o Hotel Mogay recibiu o accésit nesa categoría.

“Estes premios son un pulo en termos de proxección, o que supón atraer máis visitantes, xerar riqueza e fomentar o emprego. Este ano consolidamos un recoñecemento co que tamén incentivamos a modernización do sector, para que se xeren propostas innovadoras, suxerintes e adaptadas aos novos tempos”, valorou García Porto.

O xurado estivo formado polas 17 persoas que forman parte do Consello de Turismo, representantes deste sector e deputados e deputadas dos tres grupos políticos da Corporación provincial. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, como órgano competente para a resolución da convocatoria dos distintivos, deberá agora aprobar a decisión adoptada polo Consello Provincial de Turismo, e posteriormente publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Os premios Lugo Cambia ao turismo lucense, ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense e de Turismo Sostible teñen un carácter honorífico e consistirán na entrega dun diploma acreditativo e dunha peza de artesanía tradicional da provincia de Lugo.

Os Premiados

O programa Descubrir Quiroga é unha proposta que puxo en marcha Concello de Quiroga coa intención de dinamizar o turismo rural e de natureza, apoiar a economía local, promover a cultura deste concello da Ribeira Sacra e dar a coñecer o patrimonio do municipio. Roteiros, barranquismo, piragüismo, visitas a museos, parapente ou percorrido polo Camiño de Inverno foron algunhas das actividades do proxecto.

A Queima das fachas de Taboada é unha festa tradicional con lume que organiza a Asociación Cultural As Fachas en Castelo durante a noite do 7 de setembro. Son paos de bidueiro ou pino de entre seis e sete metros de altura, cubertos de agucios que se amarran con vimbias, aos que se lles prende lume chegada a media noite. Unha experiencia turística con valor cultural e diferencial.

A Foliada da Fonsagrada é unha festa que organiza a Asociación Cultural Petapouco e a Destempo fonsagradina e constitúe unha iniciativa singular que tense convertido nun motor de dinamización cultural e turística no corazón da Montaña lucense. É unha cita que promove a posta en valor do patrimonio inmaterial a través da música, o baile tradicional, a artesanía e a gastronomía local. A programación inclúe obradoiros, actuacións musicais, feira de produtos locais e actividades abertas á veciñanza.

No ano 1987 tres concellos da Montaña, As Nogais, Triacastela e Pedrafita do Cebreiro, decidiron celebrar a primeira Festa do Queixo do Cebreiro coa que se pretendía potenciar os produtos artesáns e concienciar á sociedade dos problemas da gandeiros. Na actualidade, os postos de venda de queixos conviven con música e pasarrúas nunha xornada festiva que enxalza as tradicións e a cultura da contorna.

Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, a Feira de degustación da Tenreira que organiza o Concello de Láncara é unha feira gastronómica que se ten convertido nun punto de encontro do sector cárnico, consumidores, gandeiros e elaboradores. Unha plataforma que serve para visibilizar a gastronomía local tradicional, a alimentación saudable e a agricultura ecolóxica.

Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense é unha proposta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense na que leva traballando desde a súa creación no ano 2011. Un modelo de turismo slow que comprende diferentes produtos turísticos como audioguías ficcionadas, actividades organizadas fóra de temporada alta, talleres para poñer en valor a actividade artesanal do destino turístico, conversas a redor da gastronomía ou a campaña A Mariña latexa contigo posta en marcha este ano.

O Hotel Mogay é unha empresa familiar situada en Chantada que leva décadas apostando por unha transformación sostible. Un espazo moderno, eficiente e comprometido coa contorna que non renuncia a identidade local. A súa aposta pola eficiencia enerxética, a formación continua, a integración na comunidade e a valorización do patrimonio cultural converten a este establecemento nun modelo replicable e inspirador para outros negocios turísticos do rural galego.

VALORACIÓN DO PP

Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro, que participaron no Consello, lamentaron que “máis alá dos premios, esta xuntanza do Consello Provincial de Turismo estivo baleira de contido”. “Unha vez máis, realizaron esta convocatoria por puro trámite e volveuse a perder unha oportunidade de traballar de xeito conxunto e coordinado en prol de impulsar este sector fundamental na nosa provincia”, lamentou.

Para os populares puido aproveitarse esta xuntanza do Consello Provincial de Turismo “para buscar consensos e sentar as bases da estratexia turística da Deputación de Lugo para 2026 e o futuro, da man de todos, sen sectarismos e contando cos 67 concellos... pero para iso debería poñerse na orde do día un punto para a escoita activa de propostas dos integrantes do Consello, pero non queren traballar nin escoitar a ninguén”.

Unha xuntanza do Consello Provincial de Turismo que contou coa ausencia do BNG que Antonio Ameijide valorou: “Coas súas accións seguen a demostrar o nulo interese que teñen na promoción da imaxe da provincia e de potenciar a este sector clave”.

Antonio Ameijide recorda como “un goberno preocupado” polo turismo tería en perfecto estado a rede viaria provincial xa que “un ano máis temos que lamentar o mal estado da mesma, que causou problemas aos usuarios” ao que se engade a “falta de desbroces”.

“O goberno de PSOE e BNG o que fai é xerar unha mala imaxe da provincia e poñer en risco a seguridade dos usuarios das vías da Deputación de Lugo xa que este mal estado das vías provinciais dificulta o acceso a puntos de interese turístico e as marxes cheas de maleza diminúen a visibilidade de condutores e peóns” ao que engade que “esta situación dáse tanto na Ribeira Sacra, na Mariña, na Montaña... así como noutras zonas da provincia”, lamentou.

Antonio Ameijide recorda como dende o Grupo Popular xa se realizou en varias ocasións a petición de elaborar un Plan Estratéxico de Turismo da provincia que teña en conta as necesidades e peticións das asociacións, entidades e empresas que participan na actividade turística da provincia e que forman parte do Consello Provincial de Turismo, así como a desestacionalización do turismo co obxectivo de diversificar a oferta turística e activar a economía da provincia durante todo o ano.

Neste senso, “é necesaria maior implicación por parte do goberno provincial de PSOE e BNG no ámbito turístico e afean que non apliquen na Deputación de Lugo o mesmo que lle demandan ao Goberno galego: un plan a longo prazo para impulsar o sector na provincia dende un punto de vista sostible”.

⚙ Configurar cookies
0.15944790840149