Escollidos os gañadores dos Premios á Excelencia de Turismo e Gastronomía

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil, a Feira do Capón de Vilalba, A Ruta dos Lobos da Fonsagrada, a Mina Consuelo e Boulloso da Pontenova e o Barco Museo Reina del Carmen de Burela foron os gañadores
consello-turismo
13 sep 2024

A vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este xoves no Salón de Plenos a reunión do Consello Provincial de Turismo na que se fallaron os sextos Premios á Excelencia de Turismo nas categorías de Lugo Cambia ao Turismo Lucense, e, …E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, e ao Turismo Sostible. Uns premios instaurados por este órgano participativo e consultuvo que creou a institución provincial.

Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense o xurado distinguiu A Ruta dos Lobos da Fonsagrada e a Mina Consuelo e Boulloso da Pontenova; na de ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense premiouse á Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil, e a Feira do Capón de Vilalba; e na de Turismo Sostible cun único premio foi concedido ao Barco Museo Reina del Carmen de Burela, e outorgouse un accésit á Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu).

“Estes galardóns, instaurados por este órgano participativo e consultivo que creou a institución provincial, representan un merecido recoñecemento ao traballo e á traxectoria exemplar de empresas, persoas, institucións ou entidades no ámbito do turismo e a gastronomía da provincia”, explicou Pilar García Porto.

A decisión adoptada polo Consello Provincial de Turismo debe ser agora aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, como órgano competente para a resolución da convocatoria dos distintivos, e posteriormente publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Os premiados recibirán a súa distinción nun acto que celebrará a institución provincial o vindeiro 27 de setembro, con motivo do Día Mundial do Turismo.

O xurado estivo formado por 18 persoas que forman o Consello de Turismo, vinculadas a este sector e coa presenza de representantes dos tres grupos políticos da Corporación provincial.

A Vicepresidenta do Consello de Turismo destacou a “calidade e o nivel” das candidaturas presentadas, e destacou que son un claro exemplo do modelo de turismo polo que aposta a institución provincial como factor de desenvolvemento social e económico do rural, “un modelo sostible e de calidade, que aproveita o potencial do noso territorio, tanto histórico e medioambiental, como cultural ou gastronómico”.

Cinco recoñecementos en tres categorías

Na categoría Lugo Cambia ao turismo lucense, o xurado acordou distinguir a cinco proxectos turísticos e entidades da provincia, e un accésit, en función duns méritos e características propias que axudan a promover un turismo de calidade na provincia. Son as seguintes:

- A Ruta dos Lobos da Fonsagrada resultou distinguido polo ser unha cita cicloturística que vai máis aló do aspecto deportivo, que ten un efecto multiplicador e transversal para a comarca da Fonsagrada e o conxunto da provincia. A ruta nace como iniciativa dun grupo de persoas, afeccionados á bicicleta, que deciden ensinar de forma sostible o potencial dunha pequena localidade como é A Fonsagrada. A celebración desta cita amosa zonas dun alto valor medioambiental e ten unha enorme repecursión económica e vertente social.

- A Mina Consuelo e Boulloso impulsada polo Concello da Pontenova, foi premiada polo xurado pola súa aposta dos recursos locais, e por poñer en valor a arqueoloxía mineiro-industrial que conserva as súas orixes mineiras. O Concello da Pontenova restaurou no ano 2020 o antigo forno do Boulloso, situado xunto á Ruta do Ferrocarril, dando visibilidade ao patrimonio industrial ligado á minería de ferro. Posteriormente, en febreiro de 2022 habilitouse a Mina Consuelo para as visitas e inaugurouse a maior tirolina de Galicia, construída grazas ao apoio económico da Deputación Provincial de Lugo e que recrea o trazado do antigo tranvía aéreo mineiro. Esta infraestrutura constituíu un verdadeiro impulso do turismo deste concello, con incidencia na contorna da Mariña e en toda a provincia.

-Polo que respecta á categoría ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense, o Concello de Ribas de Sil recibe este galardón pola súa Festa da Cereixa, do Viño e da Aceite que pon en valor tres produtos de calidade da gastronomía da provin ia. Hai xa 22 anos que o Concello de Ribas de Sil decidiu que era preciso poñer en valor un produto tan singular como é a cereixa, que fai que madure antes que en moitas outras zonas.

-Tamén nesta categoría foi galardoada a Feira do Capón de Vilalba pola súa antigüidade, singularidade, arraigamento e valor cultural. O capón de Vilalba ten unha longa historia, do cal temos referencias bibliográficas que nos falan da existencia de capóns na zona desde o ano 1521. Ademais, destaca por ser a única feira en Galicia destas características, sendo a máis arraigada no tempo, e conta cun elevado número de criadores de capóns na zona, e consumidores fieis a un producto de alta calidade, mantendo ano tras ano unha feira tradicional.

-Por último, na categoría de Turismo Sostible resultou gañador o Barco Museo Reina do Carmen de Burela por dar a coñecer e conservar o patrimonio etnográfico relacionado coas xentes do mar. Durante as visitas guiadas ao Barco Museo búscase poñer en valor o uso de prácticas non invasoras para a biodiversidade oceánica e a concienciación sobre os problemas ecolóxicos, sociais e económicos que veñen dados polo uso de artes non controladas e de sobreexplotación dos mares. A aposta polas visitas escolares ao Barco mantense ano tras ano dada a importancia da educación ambiental desde a infancia.

O Consello de Turismo tamén decidiu outorgar na categoría Turismo Sostible un accésit á Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu).

Os premiados nas tres categorías recibirán os seus galardóns cun carácter honorífico e consistirán na entrega dun diploma acreditativo e dun agasallo.


Ameijide: “Grazas á presión do PP este ano hai máis premiados pola Deputación en materia de turismo, pero seguen sen cubrir todas as candidaturas e sen haber un Plan provincial de Turismo”

O portavoz, Antonio Ameijide, trasladou os parabéns en nome do Grupo Provincial Popular aos galardoados cos Premios de Turismo 2024 . “Cada unha das propostas presentadas demostran que na nosa provincia hai recursos e iniciativas turísticas consolidadas estreitamente vinculadas ao noso territorio e, polo tanto, potencial no ámbito deste sector que dende o PP consideramos estratéxico para a provincia”, subliñou.

O popular asegurou que “grazas á nosa presión, o goberno provincial fixo un maior esforzo na divulgación destas distincións porque hai máis premiados que na pasada edición do 2023 -cando só se entregou un galardón-, pero aínda así non se chegan a outorgar a totalidade dos premios dispoñibles”. Polo tanto, “cremos que o goberno de PSOE e BNG volveu fracasar. Especialmente despois de que o viceportavoz socialista, Pablo Rivera, recoñecera que lle había que dar unha volta aos premios”.

Máis alá dos premios, “a orde do día desta convocatoria do Consello Provincial de Turismo está baleira”. Polo que Ameijide considera que “esta convocatoria é puro trámite e unha oportunidade perdida”. Nese sentido, afea que “estamos en setembro e nesta reunión do Consello non se analiza o primeiro semestre do ano nin se incorpora ningún punto para avanzar a planificación en materia de turismo do vindeiro ano 2025”.

O popular lembra que, en materia de turismo, “o que ten máis éxito e se mantén no tempo é unha iniciativa do goberno do Partido Popular: as rutas en catamarán que permiten coñecer a Ribeira Sacra”. Pero, “lamentablemente, a rede de catamaráns herdada polos gobernos de PSOE e BNG viuse reducida: xa non están en funcionamento o 100% das embarcacións e embarcadoiros e tampouco se aplicaron melloras”. No caso da Ribeira Sacra, “o impulso dende a propia provincia leva o selo dun goberno do PP na Deputación de Lugo, fai máis de 20 anos, e agora vai da man do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra”.

“O goberno de PSOE e BNG o que fai é xerar unha mala imaxe da provincia e poñer en risco a seguridade dos usuarios -visitantes, pero tamén veciños- das vías da Deputación de Lugo”, incide Ameijide. O portavoz popular explica que “o mal estado das vías provinciais dificulta o acceso a puntos de interese turístico e as marxes cheas de maleza -porque o goberno comezou moi tarde coas tarefas de roza que nalgúns concellos aínda está sen realizar- diminúen a visibilidade de condutores e peóns. Esta situación dáse tanto na Ribeira Sacra coma noutras zonas da provincia”. É tamén o caso das “estradas que dan acceso ás praias da Mariña”, engade.

Os populares demandan máis implicación do goberno provincial de PSOE e BNG no ámbito turístico e afean que “non apliquen na Deputación de Lugo o mesmo que lle demandan ao Goberno galego: un plan a longo prazo para impulsar o sector na provincia dende un punto de vista sostible”.

0.17998194694519