“Escribín o manual que me gustaría haber tido cando rematei a carreira”

TerraChaXa
O avogado Daniel Formoso presentará en Vilalba o seu libro, ‘El maravilloso arte de ejercer la abogacía’
daniel-formoso-arte-abogacia
15 Feb 2026

Vilalba acollerá o vindeiro 27 de febreiro a presentación do libro El maravilloso arte de ejercer la abogacía, unha obra asinada polo avogado Daniel Formoso Pérez, natural da capital chairega. O acto terá lugar na sala de exposicións do auditorio municipal e está organizado polo Concello de Vilalba.

Daniel Formoso, de 62 anos, exerce a avogacía en Vigo desde hai décadas, aínda que nunca perdeu a súa vinculación coa súa vila natal. “Exerzo de vilalbés”, asegura, e mantén unha relación constante coa localidade, que visita “como mínimo unha vez ao mes”.

O libro nace da experiencia profesional do autor e da detección dunha carencia clara na formación xurídica en España. Segundo explica Formoso, a ensinanza universitaria céntrase na acumulación de coñecementos teóricos, pero non prepara aos futuros avogados para desenvolverse con soltura diante dun xuíz ou nunha sala de vistas. “Saes da carreira sen saber exercer”, afirma.

Na procura de respostas a esas dificultades iniciais, Formoso tentou atopar manuais ou cursos prácticos que lle explicasen como facer alegatos, ou como comunicar eficazmente nun xuízo. Non foi ata hai vinte anos cando descubriu un curso de oratoria en Madrid, ao que asistiron apenas quince persoas, centrado na arte da persuasión. A pesar da súa ampla traxectoria profesional, aquela formación supuxo para el un auténtico punto de inflexión.

A ORATORIA

A partir dese momento iniciou un proceso formativo máis profundo con especialistas en Madrid e Barcelona, que o levou a crear o seu propio curso práctico de oratoria procesal, orientado especificamente a avogados. O primeiro que impartiu foi en Ponferrada e, segundo lembra, resultou un éxito. Desde entón percorreu boa parte do territorio peninsular impartindo formación, o que lle permitiu confirmar a necesidade real deste tipo de aprendizaxe no sector xurídico.

Dese camiño xurdiu a idea de escribir El maravilloso arte de ejercer la abogacía, un libro que define como “o manual que me gustaría ter cando rematei a carreira”. Trátase dunha guía sinxela e práctica sobre como exercer a profesión, con especial atención ás técnicas de comunicación en sala, unha eiva que, ao seu xuízo, afecta mesmo a avogados moi preparados desde o punto de vista técnico, tamén en Galicia e na provincia de Lugo.

CUALIDADES DUN AVOGADO

O manual estrutúrase en tres grandes bloques e parte da idea de que un bo avogado debe reunir tres cualidades fundamentais: humanidade, humildade e interese. Ademais, identifica tres ámbitos clave que todo profesional debe dominar: a mente, as técnicas de comunicación e as técnicas procesuais propiamente ditas. “A oratoria é algo que se pode aprender; calquera persoa pode chegar a ser un magnífico avogado”, sostén.

A satisfacción de transmitir coñecementos levouno a escribir un segundo libro, xa rematado, titulado Síntesis y persuasión. Cómo sobrevivir en el exceso de información para convencer. Nesta obra analiza cinco puntos clave para captar a atención dos xuíces durante os procesos xudiciais, facendo fincapé na importancia de sintetizar e ir ao esencial. O libro baséase nunha investigación sobre os criterios que seguen os xuíces á hora de tomar decisións.

Aínda que o libro xa está rematado de escribir aínda non ten data de publicación porque acaba de envialo ás imprentas.

A ARTE DE ESCRIBIR

Formoso recoñece que escribir non é doado cando se compaxina co exercicio profesional. O primeiro libro levoulle catro anos de traballo, mentres que o segundo foi máis rápido, “grazas ao material acumulado ao longo do tempo”. Adoita escribir na súa casa de Vilalba, no despacho, aproveitando calquera momento libre, e combina esta actividade coa práctica deportiva. Actualmente, a formación ocupa un lugar cada vez máis importante na súa vida. “Se puidese, dedicaríame exclusivamente á formación”, confesa.

As clases que imparte, baixo o título Curso de oratoria procesal para o dominio de habilidades no exercicio da avogacía, son pioneiros en España. “Non gaño moito diñeiro, pero si gaño moita satisfacción”, resume.

A acollida dos seus libros está a ser positiva, aínda que o propio autor recoñece que a difusión é lenta, “porque non estamos a falar de superventas”. Con todo, asegura que os resultados superaron as súas expectativas iniciais, reafirmando o seu obxectivo principal: axudar a outros compañeiros que non atopan ferramentas prácticas para mellorar o seu exercicio profesional.

⚙ Configurar cookies
0.078075885772705