Esíxenlle á alcaldesa de Viveiro solucións debido a unha praga de vermes

TerraChaXa | AMariñaXa
24 Xul 2019

O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro pide á alcaldesa que emprenda as xestións necesarias para erradicar “de xeito inmediato” a praga de vermes existente na Avenida Nicolás Montenegro, entre os números 32 e 16, e nas inmediacións do edificio número 2 da Rúa Chamorro. Os populares, alertados polos veciños e logo de que o equipo de goberno fixese caso omiso das súas peticións, veñen de presentar un rogo para que a entidade local actúe “coa máxima urxencia”, xa que a existencia destes animais pode ser “un foco de infección para as persoas”.
Neste senso, dende o PP consideran que a socialista “ten que dar instrucións xa”, pois “estamos ante un problema dunha dimensión pública importante”. E é que os roncos representan un grave risco para a saúde, podendo incluso contaminar alimentos ou a auga que logo inxiren os veciños e visitantes que nesta época elixen Viveiro como destino das súas vacacións. 
Os edís do Partido Popular, e coñecedores de que esta non é a primeira vez que aparecen pragas deste tipo nas zonas indicadas, atribúen esta situación “á mala xestión do goberno que temos”. “Estamos a falar de cuestións básicas. Isto non é un proxecto que esixa grandes trámites, é unha cuestión de mantemento en bo estado da nosa cidade, sobre todo, cando estamos na época na que máis visitantes recibimos. Non atender ao que lles pediron os veciños parécenos gravísimo. Ademais, que imaxe estamos a dar?”, pregúntanse.
Os veciños da rúa Chamarro tamén están “a sofrir” outras das consecuencias da xestión da socialista. Concretamente, en distintas ocasións, tamén se dirixiron ao equipo de goberno e ao persoal técnico para manifestar a necesidade de podar as árbores que invaden totalmente a rúa e o rozado das beirarrúas, pero nunca obtiveron un resultado satisfactorio ás súas peticións. 
Esta situación provoca que se reduza a visibilidade tanto para os viandantes como para os condutores de vehículos, podendo ser a causa de sinistros. Asemade, na zona rural, e case na súa totalidade, as estradas tamén carecen de beirarrúas; o que obriga aos usuarios a ter que usar a calzadas.
Por este motivo, os populares, e indicando que “facer prevención é unha garantía de seguridade e unha mellora na calidade de vida dos veciños”, solicítanlle á rexedora que “solucione o que é outro problema máis”.
 

0.14451003074646