Espazo en Familia desenvolverá nos centros educativos actividades sobre o uso seguro das redes sociais
A concelleira de Benestar Social e Educación, Tania Pardo, reuniuse hoxe coa dirección dos diferentes centros educativos de Primaria, Educación Infantil e Secundaria das Pontes para presentarlles as actividades que este curso se incluirán n a cuarta edición do programa socieducativo Espazo en Familia, e co que se busca abordar as distintas problemáticas e situacións propias do día a día dos e das menores, nas diferentes etapas educativas.
Tania Pardo apuntou que con este tipo de actividades o que se busca é traballar nos centros educativos as temáticas que xa se abordan nas sesións coas familias e individuais, dun xeito paralelo; tratando esas inquedanzas que teñen as familias á hora de educar ás crianzas das distintas etapas da vida. E é que, en verbas da concelleira, “Espazo en familia é un programa complementario á gran labor que se realiza dentro dos centros educativos, que pretende abordar, dende idades temperás, problemáticas que se presentan a diario nas familias con temas coma o acoso, as redes sociais, a violencia como resolución de conflitos ou o control das emocións e, deste xeito, traballar dende a base”.
Nun encontro mantivo esta mañá coas direccións da Escola Infantil A Barosa, os Institutos Moncho Valcarce e Castro da Uz e os centros de educación infantil e de Primaria A Fraga, A Magdalena e Santa María, Pardo deu a coñecer a relación de actividades ás que se poderán sumar estes centros, con contidos educativos de diferente índole e adaptados ás necesidades de cada etapa educativa.
A oferta deste curso, segundo explicou Pardo, ten como punto de partida as suxestións e necesidades dos propios centros, con talleres sobre hixiene persoal, uso das redes sociais, relacións afectivas, resolución de conflitos, alimentación saudable ou xestión das emocións, actividades moitas delas xa postas en marcha o curso pasado, con moi boa acollida.
Neste senso, a concelleira quixo agradecer a gran implicación dos centros educativos á hora de promocionar este tipo de actividades e a boa acollida xa rexistrada en edicións anteriores e animou aos centros a anotarse na oferta ideada para este curso.
Xornadas para familias e charlas coloquio
Ademais do amplo programa de actividades para os centros educativos, Espazo en familia tamén reedita este curso as sesións grupais para familias e de carácter individual, dirixidas a resolver as dúbidas, inquedanzas e cuestións de cada familia sobre a educación dos e das menores.
As sesións contará co respaldo de profesionais, con experiencia en terapia familiar, educación social, psicoloxía ou educación infantil e incluirán unha serie de pautas educativas e habilidades que axudarán aos pais e nais no desenvolvemento dos seus nenos e nenas e a mellorar a comunicación cos menores.
Asemade, cada mes haberá unha charla aberta ao público sobre diferentes aspectos educativos.
A primeira terá lugar o luns día 21 na Casa Dopeso e leva por título: Adolescencia, Emocións e Convivencia. Manual de instrucións para familias, e na mesma abordarase os cambios a nivel físico e emocional que se producen na adolescencia e a súa repercusión na relación social dos máis novos, e diferentes pautas de actuación para acompañar aos nosos fillos nesta fase.
A sesión, que arrincará ás 18.00 horas, é de entrada libre previa inscrición no Departamento de Servizos Socias (2º andar Casa Dopeso- Rúa Rosalía de Castro, nº28).