“Esperamos polo San Ramón todo o ano, o pobo empeza a moverse doutra maneira”

TerraChaXa
Seis veciños integran a comisión encargada de organizar este ano as festas patronais vilalbesas
comision_vilalba
A comisión de festas
24 Ago 2024

Lucía Blanco

Por primeira vez despois de varios anos nos que era o Concello o responsable das patronais, Vilalba volverá estar de romaría grazas a unha comisión. “Estamos loitando para que os veciños teñan unhas festas e se xunten cos seus seres queridos”, contan Ramón Cela e Vicente Currás. Xunto a eles, Cristina Camba, Sonia Prieto, Marta Vilasuso e Charlie Rego animáronse e deron un paso adiante para traballar a favor da celebración máis esperada no municipio.

As foliadas, pasacalles, verbenas, presentacións, actividades para os máis cativos, a Xira ou o Día da Bicicleta non faltarán no San Ramón despois de moitas horas de traballo. “Andar, pedir, falar moito e días e máis días de dedicación”, así se podería resumir o seu esforzo para manter a cita no calendario.

Como está a ser esta comisión?

Temos moito traballo e ímolo facendo como podemos. Somos 6, pero un está fóra entón é complicado. Ímolo facendo entre as rapazas; Ramón, que é madrileño, veu este ano para aquí e é unha persoa moi activa, polo que dá gusto que haxa xente que colabore e mire por facer algo; e eu. Aproveitamos que tamén nós estamos xubilados.

Tiñan experiencia previa na organización de festas?

Eu (Vicente) si tiña. Esta é a sexta que fago, fíxenas no ano 80, no 82, no 94 fun presidente e no 2022 e no 2023 fixen o libro das festas por encargo do Concello xunto cun compañeiro. Este ano dixéronme se as facía e dixen que só que non, pero que se xuntaban unha comisión pois que me animaba. Traballei en publicidade entón encargueime dos especiais do San Ramón ou da Feira do Capón e coñezo moita xente.

Por que decidiron dar o paso?

O pobo estivo a punto de quedar sen festas. Así que fixemos unha asociación cultural e botamos para adiante. Sobre todo a hostalaría era a que tiña que colaborar máis porque son tamén os que levan os beneficios, saben o que hai e o tempo que se perde.

Que diferencias pode haber entre unha comisión fronte á organización por parte do Concello?

Entendo que se o fai o Concello xa te podes esquecer do tema publicidade, tes o presuposto que tes, xestionas as orquestras e os gastos fixos e falo. Non fai falta patear o pobo moitas veces como temos que facer nós. Porque tes que buscar diñeiro por todos os lados e moverte. Detrás hai moitas horas e días de traballo, ao mellor para facer unha contratación botas un día enteiro.

Recibiron 60.000 euros por parte do Concello, pero isto non é suficiente. Como vai a recadación?

Estamos vendendo rifas por 5 euros para o sorteo, que será o día 9 de setembro, dunha viaxe valorada en 2.000 euros sen data e a ver como vai indo a cousa. Podes ir a onde queiras, sen ser un sitio concreto, mesmo podes facer varias viaxes e non só unha soa. Porque tamén hai xente que ao mellor non pode marchar moitos días seguidos, pero pode irse varias fins de semana, entón está moi ben.

Buscar a financiación é o máis complicado?

Si. É o que leva máis tempo e o máis desagradable tamén. Tamén facemos o libro da festa, no que buscamos colaboracións con xente para que nos escriban unhas palabras, pero moitos dos que fan un anuncio é por compromiso dunha maneira ou doutra. Non estamos pedindo polas casas. Temos unha conta aberta para que os veciños poidan ingresar o que queiran.

Cando comezaron a traballar no programa?

Xuntámonos en abril, pero empezamos a mediados de maio cando comezamos a facer anuncios por aí.
En moitas vilas e parroquias traballan mesmo cun ano de antelación. Prexudicoulles preparar o programa uns meses antes?
Nós ao formar a asociación estivemos esperando a que nos chegaran os papeis porque queríamos ter todo en regra. Entón igual nos retrasamos un mes, pero mellor facer as cousas ben.

Seguen unha dinámica semellante ás edicións anteriores?

Si. Por exemplo, o sábado, que é o día forte da Xira temos dúas orquestras, e o martes será a Xira da Terceira Idade, que a fai a Concellaría de Benestar este ano ao contar con tan pouco presuposto. O día 29 é o Día da Bicicleta, organizado pola Casa da Xuventude, o 30 terá lugar o certame literario que cumpre 50 anos e o pregón e o 31 tamén renderemos homenaxe ao traxe tradicional.

Van a recuperarse algunhas das tradicións que se deixaron atrás como a raíña das festas?

En principio non. O tema das raíñas e das damas deixouse de facer e hai diversidade de opinións. Porque a uns gustáballes, mesmo ás cativas que ían de damas e de raíñas, pero a outros non. Hai xente que di que é sexista, pero era unha cousa que non era obrigada, ía quen quería.

Que significa para vostedes o San Ramón?

É moi importante, é polo que estás esperando todo o ano. Sobre todo o día 31 porque vén xente que só a ves ese día, que ao mellor non a encontras en todo o ano. A Xira tamén é algo moi tradicional. Foi no ano o 82 cando foi para a Madalena, que é onde se sigue facendo, porque antes era nunha carballeira. Cando se inaugurou a praia, estaba na comisión e pensamos en levala para aí e darlle auxe e foi incrible. Antes ao mellor podían ir 300 persoas e ese ano igual xuntamos 3.000 e foi crecendo máis e máis. Xa sempre se di: Vémonos o ano que vén na Xira!

Poderíase dicir que xa se nota no ambiente.

Cando empeza a chegar a xente á festa, porque a xente colle vacacións para vir, xa empeza o pobo a moverse doutra maneira, hai outro ambiente nos bares, xa nas rúas ule a roscóns, que é o noso doce tradicional.

0.1672670841217