“Esperamos que Avimós forme parte da IXP Capón de Vilalba”
Francisco Monasterio fai o balance anual da asociación de produtores desta raza
Que valoración fai deste último ano?
Pois este ano para a asociación tivo momentos bos, como foi a aprobación por parte do Ministerio do regulamento das salas de matanza domiciliarias. Foi algo que nos colleu algo de sorpresa despois de levar tantos anos loitando. Saíu rápido e foi bo pero agora estamos pendentes da Xunta para que aprobe un borrador que serva de guía de boas prácticas que nos permita montar as nosas salas de matanzas co menor número de requisitos posible. Nós non necesitamos grandes salas de matanza para matar 400 galos ao ano, ten que ser unha cousa moi simple para que nos poda ser rendible.
Presentamos este borrador á Xunta e estamos pendentes do seu consentimento, así como do de Sanidade. Esa é a parte boa, porque con estas salas xa temos o ciclo pechado, podemos criar, darnos de alta no Rega, vender ovos, establecer salas de marcaxe de ovos para facer o traballo e ao final temos o tema das salas polo que calquera criador de Avimós ten cubertas todas as fases. A outros niveis pois bueno, comparado co ano anterior foi mellor pero segue sendo moi frouxo. Nós dependemos da hostalaría e a hostalaría ao estar como está estamos un pouco no aire. Agora de cara ao Nadal parece que se está movendo, estanse recuperando as vendas de fai tres anos e temos que ver se esto segue polo bo cauce.
Entendo entonces que para vós a covid foi un paso atrás.
A covid foi un tema duro. Só puidemos facer algo este ano en Silleda, que ao final houbo feira e logo tivemos tamén unha mostra en San Froilán en Lugo, pero logo todo estivo parado, coas vendas paradas. Esperamos que este ano que empeza nos colla con menos problemas ao estar a maioría da xente como estamos vacinados xa coa terceira dose e poder seguir. A nivel de vendas foi malo.
Quere esto dicir que hai menos xente orientada á recuperación?
Non, non. O que fixemos foi poñernos en stand by, non producir para evitar o gasto pero seguimos tendo un nivel constante de produtores, pasa como en todo os lados, vanse uns e veñen outros pero mantemos en avicultura artesá entre 250 e 270 criadores e de autoconsumo podemos chegar aos 700. Logo habería que añadir todos aqueles que non están dentro de Avimós, pero resulta imposible contalos.
Segue a ser unha raza moi apreciada tanto en Galicia como fóra?
Temos que estar contentos porque a nosa raza segue sendo a nivel de Galicia a única raza autóctona que hai e a nivel España, a autóctona en perigo de extinción que máis animais ten. Está moi considerada fóra de Galicia, de feito estes últimos anos estase mandando moito produto para fóra de Galicia, para toda a península Ibérica.
O seu produto estrela cal sería?
O noso produto estrela é o ovo pero o galo funciona tamén moi ben. Despois non temos un mercado propio de galiña xa que obtémola cando temos que cambiar o galo, cando a produción de ovo non rende buscámoslle outra saída. Cada vez máis xente atopa neste sector unha fonte de ingresos que lle permite vivir desto non ao cen por cento pero si obter unha axuda importante. Temos xente que está ofrecendo e traballando en alternativas innovadoras como xente que despiece, os que se dedican só a ovos ou só a carne e outras alternativas. Vivir non se pode vivir só con 400 galos e 100 galiñas pero tes unha importante axuda para termar da túa economía.
Que outros obxectivos teñen de cara ao futuro?
Mentres que non teñamos decidido plenamente o plan de matanzas domiciliarias seguimos na mesma liña, intentar que cada vez haxa máis criadores, participar no maior número de feiras e mercados posible, facer monográficos e seguir promocionando a raza. Pero finalizado o ciclo de matanzas non temos máis necesidades urxentes polo momento.
E respecto ao capón de Vilalba?
En Vilalba estamos intentado que a IXP de Capón de Vilalba saia para adiante onde intentamos consolidar o noso produto, a raza galiña de Mos, como unha parte importante da IXP Capón de Vilalba. De feito, cando saia o distintivo penso que se vai modificar todo o que é o capón, haberá un antes e un despois e esperemos que Avimós como raza autóctona, que é importante para unha IXP, teña unha parte importante nela.