“Estamos a piques de firmar o convenio para facer a residencia”

TerraChaXa
José María López Rancaño é o alcalde de Abadín, un dos máis lonxevos.
estrada moncelos abadin
6 Xan 2023

José María López Rancaño é o alcalde de Abadín, un dos máis lonxevos.

Pode empezar por facernos un balance desta última lexislatura?

Eu entendo que é un balance positivo, fixéronse varias cousas importantes, seguiuse arranxando camiños, fixéronse e mantivemos o servizo de médicos en Abadín, que foi unha cousa importante con todo o que esta caendo, e fixéronse moitas xestións, sobre todo este último ano co tema da residencia. Estamos a piques de asinar o convenio coa Consellería, que achegará un pouquiño máis do cincuenta por cento do custe total que está valorado en dous millóns de euros. Segundo a última  noticia que teño, asinarase nun curto espazo de tempo porque xa nos pediron información para o compromiso formal da achega dese 48% municipal. E iso é unha obra das máis importantes independentemente de que o centro de día de Abadín para a terceira idade está funcionando moi ben  e temos ademais unha axuda para o SAF, o Servizo Axuda no Fogar, tamén moi importante xa que temos 160 usuarios e entre 50 e 60 traballadoras actualmente.

Envórcase moito no tema do asfaltado, non?

Si, invístese independentemente do que somos quizais o primeiro concello en volume de aglomerados asfálticos na rede viaria municipal. Empregouse tamén moito diñeiro, uns dous millóns e medio de euros, na estrada que é unha arteria principal para nós, Abandín-Moncelos, para acceder a Lugo e a verdade é que falta o pintado e uns detalliños moi pequenos pero quedou moi ben. Fixéronse máis cousas, comprouse maquinaria este último ano, unha moto niveladora de 257.000 euros para arranxar eses camiños e sobor de todo os camiños forestais e os camiños de saburra para acceder ás leiras.

En que fase está o proxecto da senda que vai do Concello ata a futura residencia de maiores?

Está en fase o secretario de formalizar a compra, o terreo está pedido, está deslindado e falta que o secretario dea o visto e prace para os cambios necesarios de compra e escritura. Prevese un investimento de 240.000 na compra, deixando aparte o arranxo. A cousa é facer unha vía peonil. Facer un acceso directo desde o Concello ata a residencia, unha zona de esparexemento para a xente maior e a do pobo e un aparcamento para que a xente que accede ao Concello teña un sitio cómodo para aparcar. Estamos a falar de arredor de dúas hectáreas.

Que máis proxectos hai agora mesmo en marcha?

O máis importante é o da residencia e o día a día, o que vaia xurdindo de acondicionamento de camiños. E se podemos traer algunha empresa para Abadín, facilitándolle todo o que son permisos, impostos e demais, en especial da rama agraria.

Afirma que o Concello está ben e saneado.

Teño que dicir que estamos moi ben porque somos moi bos xestores. Tamén facilitan moito os cartos que entran dos parques eólicos, que son un ben para o concello evidentemente e tamén están moi ben para os veciños e sobre todo para as comunidades de montes. Independentemente da achega económica, que é moi importante, para eles, os accesos que teñen despois para ir ver aos animais e os medios de acceder ás súas propiedades supoñen un valor engadido.

De cara ao futuro, que outros proxectos a parte da residencia?

O que nos vaia demandando a xente. A residencia é o que máis tiñamos de demanda pero tamén algunha traída de augas, que nos queda por exemplo facer a de Cambia, que recibín un escrito dicindo que nos achegan mananciais que existen no monte comunal e que facilitarían o paso co menor dano posible polas súas propiedades. É unha cooperación con eles importante porque é un acordo achegando mananciais a pesar de que son da Confederación Hidrográfica que hai que pedir permiso, pero están nas súas propiedades e permite o paso de tubaxes e depósitos e demais servizos.  Sería para levar auga á parroquia de Cambia e ás demais parroquias que cooperan, como coopera neste caso Cambia, para ir mellorando.

Si, voume presentar. Sentireime cómodo mentres sexa útil e mentres os veciños digan que sigo sendo útil. Que se un día aos veciños din o contrario tamén entendo e sei que existe outra vida fóra da política.

Hai moitos problemas e queixas polo tema do servizo médico que non cubría todas as demandas.

Si, pero neste caso creo que había preocupación de que quedara moi reducido o servizo en Abadín e non, hai dous profesionais todos os días e cubriuse a demanda que reclamaban os veciños. Houbo sempre dous profesionais atendendo. Si que houbo un problema no mes de agosto pero xa se solucionou e tivemos sempre dous profesionais atendendo aos pacientes de Abadín.

Como definiría o concello?

É un concello  eminentemente rural con dous partes diferenciadas, o que é a parte norte que é zona de montaña, onde están os nacementos dos ríos Eume, Masma, Adra, onde está a fraga Vella e o Xistral; e a parte sur, que é o que é a Terra Chá e que Abadín representa o que é a porta grande dá Terra Cha. Somos un pobo máis gandeiro que agrícola, sobre todo de gando de carne.

A nivel industrial, que proxectos hai?

Os que veñan, benvidos serán e facilitarémoslles o que é a implantación, os impostos e todo o que se lle poida axudar desde o Concello para que se instalan, como achega de terreos, se é unha empresa importante, como traballadores. Non está mal Abadín, temos Vázquez Portela, que ten 130 empregados, ou Loran, con 50, despois hai outras empresas con dez ou 15 empregados. É bo para os negocios instalarse no alto da xesta, pois lles facilitan todos os servizos por estar á beira da autovía.

Visto xa cos anos, prexudicou a Abadín cando deixou de ser zona de paso trala apertura da autovía?

Non, non ten que ver. A xente de Abadín non é xente de paso no aspecto dos restaurantes, a hostalaría e os bares seguen funcionando a pleno rendemento. E o que está na Xesta, como son as estacións de servizo, tamén. Nunha viaxe recente, dinme conta de que temos máis xente  na Xesta que a que ten Guitiriz, porque está moi ben situada. Cando ves de Asturias, non hai outro sitio grande onde parar ata chegar aquí, é que non tes nada de Oviedo, Xixón ata Coruña tes en Guitiriz, non hai outra sitio onde parar. É o único apropiado desde Oviedo ata Coruña.

Que tal o funcionamento do sistema antinéboa que instalaron?

Ben, reduciron os cortes nun 90% o que significa un cambio moi drástico e tamén necesario porque supoñía un problema importante que vemos que se está a solucionar cun gran acerto.

Como está o proceso das parcelarias?

Das parcelarias está Moncelos en pleno funcionamento, esperando a visita do conselleiro para que lles explique o funcionamento e o desenvolvemento previsto. Hai que elixir a comisión de xestión, da que forma parte o Concello, os veciños e ao meu entender este primeiro paso é importante para que o desenvolvemento salga ben, que se saiba elixir ben a comisión, que é prioritario elixir unha que vele polos intereses da parroquia.

O servizo de Secretaría recuperou a normalidade?

Coa secretaria xa se recuperou normalidade. O Concello, antes da xubilación da secretaria fixo xestión en Santiago, publicouse a oferta pero non se presentou ninguén para facerse cargo de Abadín. A deputación tampouco tiña xente e entón fíxose no Concello de forma provisional para o máis urxente, como o pago das nóminas. Seguiu o proceso de busca e ao final apareceu un secretario, que leva outros concellos tamén e que funciona moito telematicamente.

Como está a situación dos gandeiros, porque ultimamente houbo moitas queixas?

Falamos disto no último pleno e recoñeceuse o labor realizado no Concello sobre esta cuestión. Vemos que se solucionou parte do problema. Cremos que lle deron outra formulación e a Administración non acertou na forma de enfocalo, non acertaron no de querer facer todo o concello en moi pouco espazo de tempo non tendo persoal para facelo, tendo cuadrillas contratadas. Pero agora están a reconducir o tema.

De que proxecto se sente máis orgulloso de todo este tempo?.

Todo o que consegues para os veciños é un éxito e é un orgullo propio pero bo porque son cousas necesarias. O que pasa é que se fixo de todo un pouco, desde o centro médico, dous colexios, o centro de día, deporte de todo tipo, a área de descanso, estradas (xa dicía que temos a maior rede de estradas, que pasamos de 1000 km de aglomeradas), de todo un pouco. Agora se se consegue a residencia pos ao concello a nivel dos maiores de Galicia. Síntome orgulloso de cada unha e de todas as obras que se fixeron. Pasei polo cambio de teléfonos, a reelectrificación, lembro que cando cheguei había un transformador para tres, catro ou cinco parroquias e agora cada parroquia ten catro ou cinco transformadores. Cambiou o conto para ben e para mal.

Conta xa con 71 anos é un dos alcaldes máis lonxevos da provincia. Volverá presentarse o ano que vén?

Si, voume presentar. Sentireime cómodo mentres sexa útil e mentres os veciños digan que sigo sendo útil. Que se un día aos veciños din o contrario tamén entendo e sei que existe outra vida fóra da política. E ten que gustarte a política, porque se non te gusta vaste ou fas o posible para que te boten.

E cal é o segredo para manterse tanto tempo co respaldo popular, a proximidade?

Certamente, a proximidade, a proximidade, esa é a palabra chave. Os veciños teñen que ver que estas aí, que falas con eles, que atendes as súas demandas. Con esa proximidade tento solucionar o problema, unhas veces conséguese e outra non pero polo menos téntalo. Hai que atender rápido as demandas urxentes e saber que non tes horarios e sempre proximidade.

COLEXIO AQUILINO IGLEXIA ALVARINO ABADIN
rueda visita explotacion gando abadin6
alcalde abadin conselleiro medio ambiente
OBRADOIRO DE EMPREGO VILALBA E ABADIN
concello abadin compra maquinaria
punto limpo mobil abadin
0.23449492454529