“Estamos a tecer unha rede regueifana que vai medrando”

TerraChaXa
Almudena Falcón, regueifeira e profesora desta disciplina no Basanta Silva
regueifa-vilalba
31 Aug 2025

Creo que procede en primeiro lugar aclarar que é a Regueifa?

A regueifa é o xénero de improvisación oral en verso máis estendido actualmente na Galiza e está a vivir un momento de recuperación potentísimo. Pero tamén hai que ter en conta os brindos ou loias das terras do Courel, que tamén se están a recuperar. A regueifa e o brindo son os nosos xéneros de improvisación oral en verso, mais son moitos os que hai polo mundo adiante. Estrutúranse en coplas de catro versos octosílabos nos que riman os pares. Normalmente improvisan dúas ou máis persoas que se van contestando unhas ás outras, moitas veces no formato de controversia. Malia que tamén había regueifa recitada, o máis habitual é que se cante con melodías diferentes segundo a zona, ás veces tamén con acompañamento musical. É moi coñecida a melodía de Bergantiños, mais pódese improvisar con calquera base melódica como por exemplo a de “A saia da Carolina” ou calquera outra con versos octosílabos. Actualmente estamos a regueifar tamén sobre bases electrónicas.

No CEIP Basanta Silva están a recuperar mediante un proxecto as regueifas. Explíquenos un pouco en que consiste e como xurdiu a idea?

O proxecto “Espalla a regueifa pola Chaira” naceu no 2022, cando eu asumín no meu centro a coordinación do Equipo de Dinamización Lingüística, porque me parecía un xeito de fomentar a nosa lingua entre a rapazada nun formato moi lúdico e informal. A min sempre me gustou a regueifa, víaa no Luar de nena e admiraba ós vellos regueifeiros e tamén ás que comezaban daquela, as Garotas da Ribeira. No Antroido de Ansemar, xa cando eu era adolescente, cantábanse coplas e a min ocorríanseme dende o público; sempre pedían xente que subise ó escenario para cantar, mais eu nunca me atrevía. Agora, levando preto de dúas décadas na docencia, o pánico escénico é menor. Son consciente de que non afino ben, pero o importante é botarlle ilusión e practicar moito. Eu fun aprendendo a improvisar canda o meu alumnado; non é o mesmo que poidas ter un anaco para pensar e escribir as coplas ca pensalas en segundos e cantalas no momento. Para iso hai que practicar moito, mais é coma todo, se che gusta, dedícaslle moito tempo. Teño alumnas que improvisan moito mellor ca min e dígoo con moito orgullo.

Que é o que estades a facer?

Como ben di o nome do proxecto, estamos espallando a regueifa pola nosa comarca, para visibilizala, para que a xente a coñeza e ter un público interesado. Na práctica o que facemos é visitar colexios, institutos, centros de maiores e outras institucións para impartir obradoiros de regueifa nos que xente de todas as idades está aprendendo a improvisar. Mesmo en varias ocasións mesturamos nun mesmo obradoiro a xente pequena con adultas e funcionou xenial. Pásano ben, rin e viven un anaco desenfadado e acolledor. E iso é fermosísimo, non se pode explicar con palabras. Hai que ter en conta que o meu alumnado regueifeiro é o que imparte os obradoiros e fano de marabilla. Tamén facemos espectáculos nos que hai xogos de improvisación en centros educativos, prazas, feiras e romarías; ou en calquera lugar que se preste.

Canta xente está a involucrarse e por que Vilalba?

Actualmente hai un grupiño de sete mozas e mozos de entre 13 e 16 anos, mais houbo un curso no que fixemos unha liga de regueifa e anotáronse ata medio cento de participantes. Tamén estamos a levar a cabo un traballo de investigación sobre a improvisación na Terra Chá e están saíndo nomes de moitas persoas que inventaban coplas no momento e que se enfrontaban verbalmente ante un público. Xa que logo, a regueifa estivo viva aquí na nosa comarca e nós temos a misión de recuperala. A xente maior fala de coplas ou cántigas; as palabras “regueifa” e “regueifeiro/a” probablemente se transmitisen a través do programa Luar, que nas nosas bisbarras ten un público moi fiel dende os seus comezos, como todas sabemos.

Está a xente moza cobrando protagonismo nesta especialidade?

Por suposto, elas son as protagonistas. E digo elas porque son a amplísima maioría; ós rapaces cústalles máis cantar en público, polo menos no noso centro. O profesorado que estamos traballando a improvisación oral tratamos de empoderar a rapazada, para que elas se autoxestionen e leven o temón deste barco regueifeiro. Son elas o presente e o futuro da nosa lingua e teñen que falar sobre a súa realidade. Cremos que a nova regueifa non debe continuar os temas trillados dos precedentes, senón que a xente nova ten que falar das súas vivencias, tendo moi presentes valores coma a igualdade, o ecoloxismo ou a defensa do idioma.

Como é o avance e que futuro ten?

Estamos a tecer unha rede regueifeira na que se enreda xente de todas as idades e de moitos puntos do país, unha rede que vai medrando grazas ao activismo e a ilusión de mestras e alumnas. Vemos o futuro con moita esperanza, xa que toda unha fornada de mozas e mozos que comezaron a improvisar nas aulas hai uns anos, grazas ao proxecto Regueifesta, xa se están a dedicar profesionalmente á regueifa, como é o caso das persoas que conforman o colectivo “Erre que Erre, Regueifa Rabuda”.

Estase dando visiblidade en lugares como Pardiñas. Estanse creando novas citas?

Pardiñas está a ser un referente moi importante para a regueifa adolescente nos últimos anos. Semella que o espectáculo está gustando a un público tan amplo e diverso como o que alí hai e coido que é porque a rapazada transmite moita forza ao cantar sobre temas de actualidade, reivindicando causas xustas nun ton desenfadado e divertido. O noso club de regueifa está a participar tamén noutras citas que se van repetindo anualmente, como é o Regueifa Tour en Vilalba, a Regueifesta en Compostela, feiras coma Romaxe Artesá da Chaira en Muras ou a Feira do Capón e a Feira do Queixo en Vilalba.

Como se fai un regueifeiro?

Coma calquera deporte ou disciplina, precísase moita práctica; hai que botar moitas horas improvisando con xente próxima, colegas e familia, romperlles a cabeciña na casa cantando coplas. Mais, cando medra unha regueifeira é ante un público amplo, cando tes que dalo todo, pensar axiña, sacar coplas enxeñosas que fagan referencia á xente que está alí, ao momento, e que fagan graza. É coma unha deportista nunha competición. Debes confiar en ti mesma, ter sosego e sacar os versos do teu interior, con forza e con ilusión. Unha vez que ceibas pola gorxa os teus pensamentos en forma de canto, libéraste, quedas satisfeita do que fixeches, dáche unha adrenalina brutal que tes que compartir coas compañeiras. E despois vén a festa, as conversas nas que poñemos en común como regueifamos, se nos apetece, ou simplemente cantamos e bailamos xuntas. Ou choramos de emoción, que tamén pasa.

E como mestra, como se ensina?

Antes de ensinar debes aprender, así que ó principio asistín como alumna a todos os obradoiros de regueifa que puiden, ademais de ler moito sobre o tema, ver vídeos de xente regueifando, etc. Mais unha mestra non ten que ser unha grande regueifeira para ensinar ao seu alumnado a improvisar. Debe encherse de forza e tirar para adiante. Cando empecei a traballar co alumnado, non era capaz de improvisar as coplas sen escribilas e aínda así, como son moi teimuda, lanceime de cabeza, porque me gustaba. A xente nova aprende moi axiña con xogos nos que lles damos o verso de arrinque ou o pé forzado (o último) e deben compoñer a súa copla, ou con deterrminadas palabras. Mais a brincadeira que mellor funciona nos obradoiros é o que chamamos a “bomba”, que ten certa competitividade, pois fanse grupos pequenos nos que se guindan coplas unhas ás outras. Por iso nunca damos rematado o obradoiro á hora acordada, pois non paran de botar coplas e máis coplas. É marabilloso.

Cales son os proxectos a longo prazo?

Unha das nosas teimas é continuar as pescudas sobre a improvisación oral en verso na Terra Chá, recompilar nomes e historias de persoas que destacaron nese campo e, de camiño, investigar se tiñamos algún nome concreto para os cantos improvisados e as súas creadoras. E, por suposto, a nosa misión seguirá sendo espallar a regueifa pola nosa comarca, transmitíndoa á xente de todas as idades, subindo ao noso carro regueifeiro a máis rapazada e profesorado. Ese carro cantareiro leva por bandeiras a lingua e a identidade para que, como dixo o noso Manuel María, sigamos a falar “decote nesta música / na que canta Galiza dende sempre”.

⚙ Configurar cookies
0.17234897613525