“Estamos a traballar para facer outro tipo de actividades para familias e socios”

TerraChaXa
Baruk Domínguez é o actual presidente da Asociación da Banda de Música de Vilalba
banda-de-musica-de-vilalba-actual
23 Nov 2025

Despois da desaparición das últimas bandas existentes en Vilalba aló polos anos da Guerra Civil, non foi ata o ano 1987 cando o Concello de Vilalba, sendo alcalde naqueles tempos José María García Leira, decidiu crear unha escola de música, da que máis tarde xurdiría a nova Banda de Música de Vilalba. Tras varios anos de clases esta fixo a súa primeira actuación; e un ano despois, en 1991, tivo lugar no Centro Cultural e Recreativo a súa presentación como asociación cultural sen ánimo de lucro.

Nestes 35 anos de existencia, foron catro os directores que estiveron a cargo da banda. O primeiro deles foi Pepe Guntín Currás, persoa moi vencellada ás actividades musicais da Terra Chá. Trala súa marcha, no 1993 fíxose cargo Xosé Rodríguez Ramos, por aquel entón trompetista na Banda da Coruña e mestre de Trompeta no Conservatorio de Vilalba.

Dous anos máis tarde, en 1995, tomaría o relevo César Concheiro Guerrico, mestre de Frauta no Conservatorio Superior de Música da Coruña, quen se mantivo como director da agrupación ata o 2021, cando se fixo cargo da batuta Dani Veiga Roca, actual profesor de Clarinete no Conservatorio de Vilalba e na ESMUVI.

Ao longo destes anos, a actividade da asociación pasou por actuacións en toda a xeografía galega e peninsular. O fito máis destacado é ser unha parte importante da sociedade vilalbesa, e sobre todo nos últimos anos volver poñer o foco nos máis novos, a través de proxectos como a Minibanda. O presidente da Asociación Cultural Banda de Vilalba, Baruk Domínguez, cóntanos dos seus proxectos.

Canta xente forma parte dela hoxe en día e cando e onde se formou?

Agora mesmo, cando nos xuntamos todos en datas sinaladas como o San Ramón, o FIV, Santa Icía ou Nadal, chegamos a ser ata uns sesenta músicos, pero participando activamente nos ensaios, semana a semana, andamos polos corenta compoñentes. A iso hai que sumar unha vintena de rapaces que forman agora mesmo parte da Minibanda. A maioría dos membros formáronse ou están a formarse no conservatorio e na escola de música da localidade, pero tamén hai xente que estuda noutros centros doutros municipios e persoas que realizaron ou están a realizar os estudos superiores de música en cidades. Así que podemos dicir que contamos con diferentes niveis de formación, o cal é unha riqueza e unha aprendizaxe constante para todos.

Como é o día a día dos seus membros?

Hai rapaces moi novos que están a estudar no conservatorio ou na escola, e son os que máis participan nos ensaios semanais, que polo xeral son os martes e os sábados, aínda que hai ocasións nas que tamén ensaiamos os venres. Hai tamén estudantes algo máis maiores, que están a completar os seus estudos noutras cidades, e que veñen un sábado de cada certo tempo en función da súa axenda. Outro perfil é o dos adultos que residen ou traballan en Vilalba, Lugo, As Pontes, Ferrol, A Coruña, Cee, Oviedo ou outras localidades pero que non perden o contacto coa banda. Por último, cabe destacar o perfil dalgunhas persoas que están a traballar moito máis lonxe, en cidades como Madrid por exemplo, e que aínda non podendo asistir asiduamente aos ensaios, aproveitan as súas vacacións ou días libres para vir tocar coa banda.

Cantos concertos fan ao ano?

Concertos fixos temos o FIV na primavera, o San Ramón no verán -incluíndo tamén o Certame Literario e o Festival de Bandas Pepe Guntín-, o Concerto de Santa Icía no outono e o Concerto de Nadal no inverno. Ademais, acompañamos musicalmente as procesións de Venres Santo e de Corpus Christi, que son tradición en Vilalba; e tamén participamos noutros actos da vila, algúns organizados polo propio Concello, pero tamén por entidades como o Conservatorio de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) ou a Liga Santaballesa. Cabe destacar que, ademais da Minibanda, hai un par de anos puxemos en marcha outro proxecto paralelo, o BMV Ensemble, co que xa participamos en actos culturais como a entrega do Premio Agustín Fernández Paz. Tamén tocamos en parroquias da contorna e facemos actuacións noutros concellos.

Como se escolle a música?

A música escóllea o director, neste caso Dani Veiga, pero en ocasións como o FIV ou o San Ramón tamén hai achegas doutros membros, especialmente os máis novos, que adoitan pedir algún “temazo” de moda. En calquera caso, nestes últimos anos hai algo así como unha premisa básica para cada unha das actuacións centrais: o FIV ten que mesturar música pop rock de diferentes épocas e tamén facer algunha referencia a algún dos grupos que tocan no festival; no San Ramón os concertos teñen que ser para todos os públicos, polo que hai dende pasodobres e zarzuelas ata cancións de moda, pasando, por suposto, por algunha que outra obra da nosa terra; en Santa Icía, para honrar á patroa da música, optamos xeralmente por un repertorio máis ambicioso, de concerto, ben sexa con música para banda contemporánea ou algunha adaptación dalgún gran compositor sinfónico; e no Nadal, adoitamos escoller algunha temática concreta, ben sexan bandas sonoras, pezas tipo big-band ou clásicos vieneses de aninovo, o facer unha mestura de diferentes estilos, contando tamén coa participación de colectivos como a Escola de Teatro ou as asociacións de música tradicional. Noutras actuacións máis estándar, o repertorio adoita ser unha amalgama de pezas.

Fan outro tipo de actividades?

Temos algúns días de celebración e convivencia, nos que non faltan a comida e a festa, e tamén algúns “actos internos” que xa son tradición, como o Día do Sombreiro, no que hai premio para os mellores ou máis chamativos; ou o Partido Celta-Dépor, que este ano fixemos por vez primeira nos campos de adestramento da Madalena. Hai uns anos, tamén puxemos en marcha dous proxectos. Un deles é “O Podcast da Banda”, un formato radiofónico de extensión e periodicidade variable, e o MiniBandCamp, do que xa levamos feitas tres edicións. De cara ao futuro próximo, estamos a traballar tamén para facer outro tipo de actividades, non soamente para os membros, senón tamén para as súas familias e para os socios.

Subvenciona o Concello de Vilalba a formación e o seu mantemento?

Tecnicamente, a fórmula de colaboración que nós temos co Concello de Vilalba é a dun convenio que se renova anualmente. Esta contraprestación serve para soster o funcionamento diario dunha asociación sen ánimo de lucro que, máis aló disto, soamente conta como ingresos fixos coa achega dos socios e cunha axuda da Deputación para comprar material ou para programar algunha actividade. Despois, tamén estamos a disposición doutros concellos ou entidades, sempre e cando a axenda e a dispoñibilidade de músicos nolo permita.

Cales son os plans de futuro?

Xa é unha realidade o proxecto da Minibanda de Vilalba, un proxecto que xa está na súa segunda fase, por dicilo dalgunha maneira. Xurdiu por iniciativa do actual director hai tres anos, con nenos e nenas que comezaban a dar os seus primeiros pasos cos seus respectivos instrumentos, e hoxe moitos deles xa son membros activos da banda “dos maiores” e outros novos músicos están a tomar o relevo. Entre os plans de futuro entran, por suposto, manter e consolidar esta canteira, e incluso diversificala para chegar a contar con nenos que se animen a probar instrumentos menos populares e que a banda precisa, especialmente no relativo á sección de vento metal. Ese traballo de base é o que pode permitir que a banda medre, no mellor sentido da palabra. Pero tamén temos outras “ambicións”, como participar máis na vida social da vila, por exemplo coa programación dalgún concerto de música máis lixeira e bailable nalgunha ocasión que así o requira. Tamén temos como obxectivo facer “rede” con outras agrupacións e concellos da zona, para pensar actividades en conxunto.

A banda ten un lazo forte co pobo. Como se formou?

Somos unha asociación sen ánimo de lucro, cunha vontade altruísta e unha misión humanista. Iso non é algo desinteresado, e explícome. As persoas que estamos á fronte da banda non temos un interese pecuniario, faltaría máis, pero si un interese fondo en que a nosa actividade teña unha repercusión social, cultural e educativa para quen participa dela dun ou doutro xeito. Iso si que é transcendental para o futuro dun pobo.

⚙ Configurar cookies
0.072742938995361