“Este libro tecino coa imaxinación e cos fíos de vivencias propias e alleas”

TerraChaXa
Manuel Castro Santamariña vén de publicar ‘A noite que se foi a luz’, a súa primeira novela
manuel-santamarina-a-noite-que-se-oif-a-luz-presnetacion
3 Aug 2025

Manuel Castro Santamariña (Guitiriz, 1958) vén de publicar a súa primeira novela, A noite que se foi a luz, unha narración entrañable que arrinca cun apagón durante unha noite de temporal na casa dos avó

O seu autor é un mestre retirado e unha figura amplamente vinculada á defensa e divulgación do patrimonio cultural galego. Ao longo da súa traxectoria docente, exerceu nos colexios de Cariño, As Pontes, Aranga, Xermade e Vilalba, deixando pegada alí por onde pasou.

Comprometido co movemento cultural do país, formou parte da AC Xermolos de Guitiriz e do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba. Desde a fundación do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) no ano 2000, integrou a súa xunta directiva, asumindo a presidencia entre os anos 2009 e 2017. A súa paixón polo patrimonio inmaterial quedou tamén recollida en publicacións colectivas, revistas e colaboracións en programas de radio e televisión. No ano 2013 publicou Cancioneiro das terras de Aranga, editado pola Deputación da Coruña, un traballo ao que dedicou esforzo e ilusión para preservar a memoria musical das nosas terras.

Actualmente reside en Vilalba, está casado e é pai dun fillo, ao que dedicou con orgullo o seu libro, mantendo viva a súa implicación co patrimonio e coa identidade cultural galega.

Como xurdiu a idea da novela?

Anteriormente teño colaborado con traballos de menor entidade en revistas e publicacións colectivas. A idea de escribir unha obra coa temática desta xa levaba anos na miña cabeza. Foi durante a pandemia cando me puxen con ela.

Canto tempo lle levou escribila?

Arredor dun par de anos. Fun escribindo sen présa, unhas veces con máis intensidade que outras. A principios de 2023 xa estaba rematada, pero logo viñeron as correccións, o traballo de maquetado, elixir portada, unhas pequenas ilustracións, decidir a edición, … Todo iso leva o seu tempo. Por certo, quixera manifestar o meu agradecemento ás persoas que fixeron posible que o libro sexa unha realidade, especialmente Arturo Gómez Mato, autor do maquetado e portada; e Alfonso Blanco Torrado, responsable de Xermolos, como editor.

Fálenos un pouco do que atoparemos nesta obra.

Atopamos comunicación interxeracional, etnografía e patrimonio inmaterial. Mais tamén elementos para a reflexión como a influenza das pantallas na relación familiar e social, o idioma, o machismo-feminismo e mesmo a fraxilidade da vida. Tratei de transmitir mediante este formato novelado que hai mundo máis alá das pantallas, sexan de móbil, de consolas ou de televisor.

Onde se está vendendo e que aceptación ten?

Quen editou e distribúe é a asociación Xermolos e mais a Irmandade Manuel María. Penso que está a ter moi boa aceptación, polos comentarios que me chegan. É un libro doado de ler e que resulta moi próximo. Os maiores pódense ver retratados na historia que se conta, e aos máis novos sérvelles para achegarse á nosa sociedade de hai unhas décadas e a reflexionar sobre a nosa realidade social e cultural.

Xa está traballando nun novo proxecto?

De momento non. Hai ideas latentes pero que aínda non empezaron a agromar.

Cal foi a fonte de inspiración? De que se nutre para crear os personaxes e as historias?

Dicía o noso benquerido Agustín Fdez Paz que escribimos cos fíos da vida, que todos temos o noso Macondo particular. E efectivamente, esta obra eu tecina coa imaxinación, mais tamén con fíos de vivencias propias e alleas.

Se lemos o libro por onde pasearemos?

A historia está localizada en Guitiriz, nun ambiente rural actual. Aparecen tamén outros lugares da Terra Chá e arredores.

Atópase tamén algún perfil autobiográfico?

Como xa comentei anteriormente, a obra non é autobiográfica aínda que hai algunhas realidades e vivencias persoais que aparecen reflectidas nela.

A súa profesión como mestre e a súa experiencia vinculado ao apoio á cultura achegaron algo a esta novela?

Evidentemente. Precisamente no traballo diario cos rapaces ao longo dos anos e onde fun observando o deterioro cultural e o empobrecemento lingüístico que estamos a experimentar. O medio rural foi a reserva do noso idioma e das nosas tradicións. Na actualidade o rural esmorece, queda sen xente. Mudan ademais as formas de produción e mesmo as formas de vida; e por riba os medios de comunicación, absolutamente maioritarios en castelán, contaminan de xeito brutal a nosa lingua. Esta realidade é a que tentei poñer de relevo neste libro. Supoño que o breve vocabulario que engadín ao final obedece tamén ao meu espírito docente.

É complicado entrar no mundo la literatura e vivir disto?

Penso que si, as dúas cousas, sobre todo a segunda; pero a min nin de lonxe me pasou pola imaxinación ningunha delas. Con esta obra non pretendo poñer un marco na literatura galega, nin moito menos. A miña intención non pasa de documental e etnográfica. Se ademais resulta amena e axuda a reflexionar xa me dou por satisfeito.

⚙ Configurar cookies
0.20000505447388