Este luns volve o Festival Folclórico Internacional ás Pontes
A programación cultural do Concello das Pontes para o mes de xullo continuará o luns, 19 de xullo, ás 19:30 horas co Festival Internacional de Folclore, que contará coa participación de grupos de Galicia, Perú, Illa de Pascua e Senegal, espectáculo incluído na Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña.
Actuará polo tanto Inanga Rapa Nui, da Illa de Pascua, Chile. O seu nome no idioma Rapa Nui significa “de alma ou espírito Rapa Nui” que foi adquirido grazas á colaboración de Ana Pate Haoa, cidadá orixinaria da Illa de Pascua. O traballo artístico musical da agrupación enfocase en realizar cadros representativos tradicionais do folclore chileno, neste caso da Illa de Pascua, co obxectivo de difundir o folclore musical desta illa a través do canto e da danza, dentro dunha ampla valoración e respecto á tradición cultural insular.
Outras das actuacións previstas é a de Raíces do Perú. Esta agrupación constituída o 18 de xuño de 2009 en Madrid, nace para brindar aos seus integrantes a posibilidade de superarse tanto no aspecto artístico coma no humano, baseándose na disciplina e o respecto, tendo como obxectivo primordial a difusión da danza peruana e contribuír así a reforzar a nosa identidade nacional. O noso repertorio abarca todo o noso ámbito nacional, dende Lima e Ica na costa, pasando por Junin ou Ayacuho na serra ata Huánuco na selva amazónica.
Contarán tamén co Ballet Jammu, de Senegal. Neste grupo participan xovens músicos e bailaríns de todas as etnias de Senegal – Wolof, Bambara, Peul, Toutcouleur,…- demostrando que a convivencia é posible. Nos espectáculos presentan as danzas máis tradicionais de Senegal. Os impresionantes bailes combinan movementos cheos de enerxía con espectaculares acrobacias, baseadas no ritmo Mhalax. Ritmo que se obtén cos tambores Sabar, utilizados durante séculos polos Wolof de Senegal.