Este mércores será a vez da Xira dos Maiores nas festas de Vilalba

Uns días despois da Xira da mocidade, este mércores 27 de agosto, será a quenda da tradicional Xira dos Maiores, tamén na explanada da Madalena, dentro das festas patronais de San Ramón e Santa María.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo presentaron unha programación que repite a fórmula do éxito doutros anos, mais reforzada polo impulso que tiveron durante 2025 os bailes mensuais organizados polo Concello. Dende xaneiro, estas citas viñeron reunindo a centos de veciños no Centro Cultural, demostrando que a música e o baile seguen a ser un dos mellores puntos de encontro para compartir tempo, conversa e amizade.
“A Xira dos Maiores non será a primeira do ano, senón a continuación dunha dinámica que vimos cultivando mes a mes con gran éxito”, explicou a rexedora vilalbesa, subliñando que “estas actividades contribúen a que as nosas persoas maiores se sintan protagonistas, activas e con espazos propios para gozar e socializar”.
A xornada arrincará ás 12:30 coa misa cantada pola coral Luar, para logo dar paso á sesión vermú amenizada polo Dúo Venus. Como de costume, haberá xantar popular cun menú composto por xamón cocido, polbo, churrasco mixto, criollo, pan, bebida, café e sobremesa.
O prezo da comida é de 20 euros, unha achega simbólica dos asistentes, pois o Concello, a través da Concellería de Servizos Sociais, tamén financia parte do custe “para que ninguén quede sen asistir por motivos económicos”.
A celebración pecharase cun gran baile tamén a cargo do Dúo Venus, “para despedir a xornada como máis nos gusta: bailando, rindo e compartindo un día inesquecible cos nosos veciños e veciñas”, destacou Rouco.
A combinación do Venres da Xira, protagonizado pola mocidade, e da Xira dos Maiores, centrada na tradición e na convivencia, converte as festas patronais de Vilalba nun reflexo do espírito comunitario do municipio: eventos diversos, para todas as idades, que fortalecen os lazos sociais e culturais da vila.