“Este Nadal temos unha ampla programación para a mocidade”
A nova alcaldesa, Marta Rouco, desexou “paz e ledicia” para a veciñanza.
Cumpridos dous meses dende que accedeu ao cargo de alcaldesa, como foi este tempo de adaptación a este posto? Ten xa establecido un plan de traballo para os vindeiros meses?
Pois a adaptación foi rápida, xa coñecía o funcionamento do Concello e do Goberno, xa viña de traballar na Administración Pública e todo iso fixo que a adaptación fose sinxela. En canto ao plan de traballo para os vindeiros meses pasa pola aprobación dun novo orzamento, a renovación de importantes licitacións do Concello, como o SAF ou o lixo, a revisión das ordenanzas fiscais, todo isto co obxectivo de determinar as posibilidades económicas que temos, algo esencial para planificar e ordenar as prioridades de actuación.
Vostede xa formaba parte do anterior Goberno vilalbés, considera que existen diferenzas salientables entre o anterior monocolor e o actual bipartito?
Obviamente diferencias existen porque nunca é o mesmo un goberno monocolor que un de coalición. Implica fusionar dúas formas de ver, entender e facer a política, priorizando sempre o interese da cidadanía á hora de desenvolver as distintas actuacións no eido do respecto competencial de cada delegación de Goberno, potenciando os acordos e diminuíndo as diferenzas que obviamente hai.
Estamos xa en plenas festas, que actividades son as programadas polas delegacións socialistas?
Este ano temos unha ampla programación de Nadal para a infancia e a xuventude. Teremos por primeira vez un campamento para facilitar a conciliación durante as festas de nadal, en horario de 08 a 15. Volveremos contar coa pista de xeo que irá acompañada este ano de inchables e un tobogán. Tamén se farán dúas xornadas de festas infantís nos pavillóns dos colexios rurais de Moreda e Román. Outra novidade é a programación pensada para a franxa de idade dos 12 aos 16 anos, con sesións de láser tag, por exemplo. Teremos tamén cine e teatro…. en definitiva unha ampla programación pensada para que os nenos e mozos podan desfrutar destas festas.
Ao respecto do polígono industrial, para cando está previsto o pintado da estrutura vial? Teñen previstas algunhas outras actuacións?
Unha das primeiras reunións que mantiven dende a chegada á Alcaldía foi coa directiva da asociación de empresarios porque estou convencida da necesidade de manter un diálogo fluído e colaboración continua entre ámbalas dúas institucións. O pintado si, pero tamén a limpeza e desbroce da contorna que se fará de xeito inminente, en canto as condicións climatolóxicas o permitan. E como non, a colaboración institucional con outras entidades de Goberno.
Outro tema de actualidade ten que ver coa estación de autobuses, a este respecto, cal é a posición do Goberno Municipal? É distinta da presentada pola Xunta?
A postura do Goberno é clara: Vilalba ten unha estación de autobuses por algo, e non considero que existan circunstancias distintas que motiven un cambio neste planteamento. Non entendemos que noutras estacións de vilas dun tamaño similar como Ribadeo ou Viveiro se estean investindo cantidades importantes para o seu acondicionamento e en Vilalba teñamos que conformarnos cunha marquesiña, que é o que propón a Xunta para Vilalba.
O Concello vén de aprobar una nova ordenanza que implica a tenza dos animais de compañía, como se está a adaptar a sociedade vilalbesa?
A ordenanza entrará en vigor o día 28 de decembro. O que se está facendo neste momento son campañas informativas para concienciar aos veciños da necesidade de manter limpos os espazos comúns e que todos podemos desfrutar deles se cada un asume e cumpre coas súas obrigas. Creo que os veciños perciben positivamente que se tomen medidas nos casos en que os propietarios de cans non recollan os excrementos, porque non é agradable para ninguén.
Cales considera que son as necesidades prioritarias para abordar de maneira inmediata? E nesta lexislatura?
Unha das nosas prioridades ten que ver co ciclo da auga. No mandato anterior acometeuse a construción do pozo de tormentas, a través dun convenio coa Confederación Hidrográfica Miño Sil, para rematar coas verteduras indesexadas ao río Madalena. Cómpre agora a instalación na estación potabilizadora de decantadores para evitar que a auga se enlode cando chove moito e tamén a mellora dos sistemas de captación. Xa estamos traballando en todo iso dende o primeiro momento pero son actuacións que precisan da colaboración doutras administracións, para iso xa mantivemos unha primeira reunión con Augas de Galicia e estamos pendentes de que nos chamen para seguir falando. Tamén estamos buscando fondos europeos a través do Perte da Auga. Resulta así mesmo prioritario seguir mellorando os servizos públicos, como o da recollida do lixo, que se vai actualizar ás demandas actuais coa nova licitación; ou do SAF, que xa neste mandato conseguimos mellorar a situación laboral das traballadoras. Seguimos traballando tamén para mellorar a conciliación, con servizos como o de madrugadores, para que as familias podan asentarse no noso pobo.
Saíndonos un pouco do aspecto formal, cales son os seus desexos para a sociedade vilalbesa neste nadal? E os seus persoais?
Pois trasladarlles os meus mellores desexos a toda a veciñanza, especialmente a aqueles que, por diversos motivos, estean atravesando unha situación persoal complicada enviarlles unha mensaxe de esperanza nestas datas. Tamén me dirixo con agarimo á xente máis moza, desexarlle paz e ledicia non só no ano que comeza senón que tamén ao longo da súa vida.