Este sábado farase unha dobre xunta veciñal en Santaballa

TerraChaXa
A Asociación Trastomil convoca á veciñanza primeiro e logo aos socios
liga-santaballesa
7 Mar 2025

A Asociación Trastomil convoca á veciñanza de Santaballa a dúas importantes xuntanzas que terán lugar o sábado 8 de marzo de 2025 na Liga de Santaballa.

A primeira delas, a segunda Xunta Xeral da Xente de Santaballa, está prevista para as 11:00 horas e está dirixida a toda a veciñanza, incluíndo menores de 12 anos acompañados. Neste encontro estableceranse as directrices para a xestión, administración e uso dos bens e dereitos comúns da comunidade. Ademais, tratarase a posibilidade de apoderar, con carácter revogable, á asociación de veciños de Trastomil ou a outras entidades ou persoas de Santaballa para xestionar e administrar estes bens no beneficio da comunidade. O encontro incluirá tamén un espazo aberto para propostas, preguntas, análises e críticas.

A continuación, ás 12:00 horas, terá lugar a terceira Asemblea Xeral ou Xunta Suprema da Asociación de veciños Trastomil, onde se fará un resumo das actuacións realizadas desde marzo de 2024 e se exporá o estado actual das contas. Tamén se tratarán as novas incorporacións ao Consello de Representantes e se presentarán propostas e a programación de actuacións para o exercicio 2025. Como peche da xuntanza, abrirase un espazo para que as persoas asistentes poidan compartir as súas propostas, preguntas e análises.

Desde a organización fan un chamamento á participación da veciñanza, xa que os temas a tratar afectan directamente ao futuro e desenvolvemento da comunidade. Para calquera aclaración, pódese contactar a través do teléfono 696 486 513. As xuntas estarán presididas por Lois Fraga Souto (Lois de Silán) como presidente da Asociación Trastomil e Beatriz Rivas López (Beti do Queito) como secretaria.

⚙ Configurar cookies
0.7631208896637